No taboleiro do Estado español, o Eixe Mediterráneo leva anos xogando con vantaxe. Xogan en bloque, planifican a longo prazo, ocupan espazos de poder e, sobre todo, non teñen medo a poñer o puño enriba da mesa. Valencia, Cataluña, Murcia e Andalucía oriental fan lobby con descaro, con método e sen complexos. Mentres tanto, Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi baixan a cabeza, cada quen na súa guerra pequena, entregados á lóxica dun Estado que os trata como paisaxe de fondo e obviando Portugal.
Xa non se trata só de quen leva as autovías, os AVEs ou os fondos europeos. O que está en xogo é moito máis: quen lidera a transición industrial, quen marca a política enerxética, quen define os nodos loxísticos, quen ten dereito ao futuro e quen queda como reserva simbólica. E a resposta é clara por parte do governo: non é o norte quen esta a liderar.
Temos industria, pero non temos voz.
O norte da Península xera enerxía, transforma materias primas, produce alimentación, pesca e compoñentes para medio mundo. Desde os estaleiros de Ferrol ata os centros tecnolóxicos de Xixón e Euskadi, desde os portos de Bilbao e Vigo ata os parques eólicos e a madeira de Lugo ou a leite de Vilalba, todo ese potencial existe, pero está ausente da política de investimentos do Estado e da súa planificación.
Onde está o tren de mercadorías entre A Coruña e Europa? Onde está o AVE real a Asturias? Onde están os accesos ferroviarios aos portos de Vigo, Coruña, Ferrol, Xixón ou Santander? Onde está a conexión industrial de Galicia co Cantábrico? Está nos caixóns. Porque aquí non temos lobby. Porque aquí os nosos políticos non fan o seu traballo.
Os cargos do PSOE: cómplices do centralismo
A situación sería distinta se os cargos do Partido Socialista en Galicia, Asturias, Cantabria ou Euskadi se comportasen como verdadeiros representantes territoriais. Pero non o son. Son intermediarios do Goberno, non defensores da terra que os elixiu. Son políticos que aplauden investimentos para o Corredor Mediterráneo mentres calan ante o abandono do norte.
Cando foi a última vez que un ministro ou secretario de Estado do PSOE ou Sumar, plantou cara ao Consello de Ministros para reclamar investimentos estruturais para o noso eixe atlántico-cantábrico? Nunca. Están máis preocupados por manter o cargo que por defender o territorio. E isto hai que dicilo alto e claro: son cómplices do abandono.
Non chega con facer notas de prensa ou visitas guiadas polos concellos. O que fai falta é rebeldía política. Disidencia interna. Capacidade de presión real. O que fan os cargos do PSOE no norte é grave: defender á Moncloa en vez de defender ás súas comarcas. Esa lealdade mal entendida está condenando ao noso tecido produtivo á irrelevancia.
Fronte ao Mediterráneo, un norte mudo e dividido
O Corredor Mediterráneo leva décadas construíndo influencia. Levan os investimentos europeos, os grandes contratos e a hexemonía política do relato territorial. Fan política con mapas, cifras e presión. Aquí, no norte, temos todo o que Europa di que valora —territorio, enerxía limpa, capacidade industrial, biodiversidade, fronteira atlántica— e non temos nada porque non temos forza organizada.
Non se trata de crear comisións. Trátase de actuar. De sumar vontades entre gobernos autonómicos, portos, universidades, cámaras de comercio e sociedade civil para impoñer o dereito a existir como eixe político e económico. Pero iso non vai ocorrer mentres os deputados, senadores e cargos socialistas e podemitas do norte sigan agachados, domesticados, covardes. Que fai a Vicepresidenta?
É agora ou nunca
Galicia e o norte peninsular están nun punto de non retorno. Ou organizamos un lobby atlántico-cantábrico de verdade, sen pedir permiso, ou aceptamos que os fondos, as industrias e a influencia seguirán indo cara o sur e o leste. Ou nos rebelamos, ou quedamos como reserva paisaxística de España, cun parador, unha autopista sen saída e un AVE que leva a Madrid pero non a Europa.
Non queremos privilexios. Queremos equilibrio. Queremos presenza. Queremos futuro.
Pero para iso hai que facer algo máis que calar.
Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº XERAL DE CxG
MEMBRO DA DIRECCIÓN DO PARTIDO DEMOCRATA EUROPEO