Os senadores do PP lucense presentaron a iniciativa xunto a alcaldes e portavoces da Montaña, a comarca máis afectada e para a que “o Goberno de Sánchez non concreta investimentos” na súa resposta oficial ás preguntas dos populares
Navia de Suarna, 2 de maio de 2025. O PP lucense pedirá ao Goberno de Sánchez dende o Senado garantir o acceso a telefonía móbil e fibra óptica á totalidade da provincia de Lugo para superar a actual situación de sombra ou de apagón dixital que sofren moitos dos municipios rurais, maioritariamente os da zona da Montaña, ou incluso o acceso por autovía á capital.
Os senadores -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- presentaron esta iniciativa en Navia de Suarna acompañados de alcaldes e portavoces de municipios da provincia afectados por deficiencias na conectividade despois de que o Goberno de Sánchez evitara dar explicacións concretas na súa resposta oficial ás preguntas formuladas polos populares nin especificara investimento para a comarca da Montaña. Concretamente, esixían información sobre o investimento previsto por municipios, as áreas de cobertura e o prazo temporal previsto para a posta en marcha dos novos servizos.
Os populares sinalan que “é certo que se fixeron traballos importantes na provincia” para estender as comunicacións móbiles e de Internet; pero “o certo é que segue habendo zonas de sombra” en grandes áreas da provincia de Lugo, especialmente no rural”. É o caso de moitos lugares da zona da Montaña, pero tamén no caso da capital da provincia. Das cinco entradas á cidade de Lugo, só unha delas por autovía dispón de conectividade; as outras non ao 100% nin tampouco as parroquias do Concello.
Os representantes do PP cren que “as prestacións de telefonía móbil e 5G son imprescindibles para os labores do día a día”. A deficiencia no servizo reduce as posibilidades dos habitantes dos lugares en sombra de acceder a xestións individuais coa administración, cos servizos sanitarios ou financeiros, para as xestións empresariais de autónomos e pequenos negocios como poden ser os do ámbito turístico ou de venda online, para o teletraballo, o ensino e a formación a distancia ou mesmo para acceder a contidos de ocio en igualdade de condicións no rural que nas vilas e cidades.
Os senadores defenden que a conectividade é fundamental para o desenvolvemento económico e persoal e contribúe ao asentamento da poboación e na loita contra o reto demográfico. “Pero, aínda que o Goberno presuma de garantir o acceso ao 100% da poboación, a realidade é que grandes áreas do noso territorio vense privadas destes servizos”, engaden.
Tendo en conta que ministerios como o de Transición Ecológica y Reto Demográfico e o de Transformación Digital y Función Pública “xestionan inxentes cantidades de fondos europeos destinados á conectividade e, en particular, á extensión das redes no rural para abordar a loita contra a brecha dixital nas zonas rurais; a situación é especialmente paradoxal”.
O Grupo Popular tamén instará ao Goberno dende a Comisión de Transformación Dixital do Senado a garantir o despregamento das infraestruturas de telecomunicacións nos municipios que o precisen ofrecendo o apoio necesario para lograr que os beneficios destas infraestruturas cheguen a toda a poboación, avanzar no despregamento da fibra óptica por todo o territorio e avanzar no despregamento das redes de telefonía e de tecnoloxía 5G en todo o territorio, con especial atención ás zonas rurais.
SEN SERVIZOS NO RURAL
O portavoz popular en Navia de Suarna, Raúl Pérez, reclama sistemas de telecomunicacións para o municipio subliñando que “a fibra óptica é fundamental para negocios” como, por exemplo, os de tipo turístico.
Tamén lembra que “os veciños e veciñas de Castañedo levan máis de ano e medio sen poder ver a TVG porque o goberno local non arranxa o repetidor que é de competencia do Concello”.