Os deputados provinciais do Partido Popular mantiveron unha reunión de traballo en Castroverde con portavoces de municipios onde a Deputación de Lugo ten abertos os centros de maiores co servizo de residencia, pero non o de centro de día do que se poderían estar beneficiando a máis de 150 familias
Lugo, 14 de maio de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha reunión de traballo en Castroverde co portavoz, Pablo Figueiras, e concelleiros no municipio e con portavoces do Partido Popular de concellos onde a Deputación de Lugo dispón de centros de atención a maiores co servizo residencial en funcionamento, pero cos anunciados centros de día “sen poñer en marcha en ningún”.
Os populares impulsarán, polo tanto, “unha acción conxunta dende o Grupo Provincial Popular na Deputación e as agrupacións locais nos Concellos afectados para esixir a apertura destes servizos que permitirían atender aos maiores e favorecerían a conciliación das familias”.
De feito, “poderían verse beneficiadas máis de 150 familias porque suman máis de 150 as prazas previstas nos centros de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Meira e Ribas de Sil. O caso da residencia de Ribadeo é distinto porque tivo unha orixe diferente.
Ameijide lembra que “o goberno de PSOE e BNG comprometérase a construír e poñer en marcha non só o servizo en réxime de residencia, senón tamén os centros de día; un compromiso que Tomé e o seu goberno están a incumprir, nalgún caso, dende fai máis de cinco anos que levan en funcionamento as primeiras residencias”.
Os populares consideran que “estes centros construídos con fondos públicos de tódolos lucenses están, polo tanto, infrautilizados” toda vez que “foron concibidos para acoller residencias e centros de día, pero este último servizo non está en marcha”. Así, defenden que “o gasto para a prestación deste servizo non sería elevado porque xa se dispón de infraestruturas e os gastos xerais son os mesmos que o do servizo da residencia”.
RESIDENCIAS PENDENTES
Ameijide incide tamén en esixir ao goberno de PSOE e BNG que “os centros construídos que non están abertos, aqueles en construción ou os comprometidos -e que o goberno mantén paralizados- abran dende o minuto 1 coa posta en funcionamento tanto da residencia como do centro de día”.