Lembran que o Partido Popular rexeitou a moción presentada polo grupo socialista e que a obra é posible grazas aos Fondos Europeos do Goberno de España
Abadín, 30 de Maio de 2025. O PSdeG de Abadín critica que o goberno local do Partido Popular e a Xunta de Galicia intenten atribuírse os méritos da futura residencia de maiores do municipio, cando se trata dun proxecto que non sería posible sen os fondos europeos concedidos polo Goberno de España nin sen a mobilización da veciñanza.
O voceiro socialista, Pablo Díaz, lembrou que “os mesmos Concelleiros do PP que agora posan nas fotos xunto á Conselleira votaron en contra da moción presentada polo PSdeG para impulsar esta infraestrutura”. Subliña que foi “a presión veciñal, a través dunha recollida de sinaturas, a que obrigou ao Goberno local a rectificar a súa postura inicial”.
“O Partido Popular cambiou de posición pola presión cidadá, non por iniciativa propia. Non é serio que agora intenten apropiarse dun proxecto que rexeitaron dende o primeiro momento”, denuncian os socialistas.
Ademais, a agrupación de Abadín subliña que a residencia está financiada con Fondos Europeos canalizados polo Goberno de España a través do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR), dentro dun plan pactado coa FEGAMP para mellorar os servizos sociais nos concellos galegos. “Esta achega económica foi clave para facer viable esta obra que, sen ese apoio europeo, resultaría inasumible”, destacan.
Desde o PSdeG de Abadín insisten na importancia de recoñecer con honestidade o papel da veciñanza, do grupo socialista e da colaboración entre administracións dun proxecto coma este, que só foi posible grazas á presión cidadá e ao financiamento europeo achegado polo Goberno de España.