Daniel Garcia reuniuse con representantes das 45 granxas que participan nesta cuarta edición do programa que achega a nenos de infantil e primaria “ao rural real”
Lugo, 7 de abril de 2025. O programa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Da Escola á Granxa incluirá na súa cuarta edición máis de 200 actividades formativas nas que participarán 7.500 alumnos e alumnas de infantil e primaria de toda a provincia.
O deputado Daniel García achegou estes datos sobre a cuarta convocatoria do programa nun encontro que mantivo con representantes das 45 granxas e proxectos de emprendemento no rural que particpan nesta edición do programa, o proxecto de maior investimento -200.000 euros – e proxeccion que está a desenvolver a área de Rural.
O acto, que contou tamén coa presenza de asociacións gandeiras que veñen colaborando activamente co programa – Asoporcel, Boaga, Ovica, Puraga, Avimós e Agromuralla – e coa presidenta da Fapacel Isabel Calvete, serviu para coordinar as actividades a desenvolver durante os vindeiros meses, que teñen como obxectivo común transmitir ás xeracións máis novas a importancia do rural para a produción de alimentos e á conservación do territorio.
Na súa intervención, o deputado agradeceu a colaboración e implicación de todas as granxas que participan no programa, que definiu como “unha aposta polo futuro, polas xeracións de nenos e nenas” que, explicou, teñen a oportunidade de achegarse “ao rural real” a través dunha rede de granxas que “sodes referentes de emprendemento, traballo e compromiso con este país”.
“Pensamos que é moi importante reunirnos para seguir afianzando os vínculos que se foron xerando entre vós coa posta en marcha deste proxecto e tamén para dar a benvida ás granxas que se incorporan ao programa”, explicou en referencia ás trece granxas que se estrean este ano en “Da Escola á Granxa”.
“Estamos recuperando o orgullo de ser agricultor e gandeiro, rachando con auto-estigmas arrastrados por xeracións enteiras en torno aos prexuizos sobre a vida no rural. Consolidamos un programa formativo que era moi necesario dende fai moito tempo en Galicia”, sinalou o deputado que repasou a traxectoria do programa desde a súa posta en marcha en 2022, con Mónica Freira á fronte da área de Rural.
A boa resposta das anpas á convocatoria deste ano -con solicitudes en listaxe de agarda, malia que se duplicou o orzamento do programa – refrenda o éxito desta iniciativa, pioneira no momento da súa posta en marcha en 2022 e referente para outras institucións públicas e empresas privadas.
O programa aumentou de forma progresiva a súa cobertura ao longo das catro edicións: das 25 granxas participantes e 70 actividades desenvoltas en 2002 ata as 45 granxas e 202 actividades de 2025. Unha traxectoria que, ao remate deste ano, terá implicado uns 18.000 escolares de toda a provincia.
Ao tempo, deuse tamén un fortalecemento cualitativo da iniciativa: Da Escola á Granxa creou arredor de si unha rede de granxas e proxectos de emprendemento rural distribuídos por todo o territorio da provincia que exemplifican a potencialidade dun sector agrogandeiro que aposta pola produción de calidade, maiormente ecolóxica, con diversificación produtiva, proxectos familiares sostibles e comprometidos co territorio e co futuro do país fronte a outros modelos depredadores.
Da Escola á Granxa 2025: Granxas Participantes
As granxas e producións agroalimentarias que se incorporan ao programa este ano son A Horta da Sancoveiga de Vilalba, dedicada ao cultivo de horta e avicultura ecolóxica, Agroalimentaria Laurentina de Lourenzá, de horta e árbores froiteiras, as granxas de vacún autóctono en extensivo Cachenas Cas Fidalgo de Taboada e Cachenas de San Breixo de Triacastela e, Casa da Escola SC de Sober de gando ovino extensivo en pastoreo, as gandarías de leite Gandería Castelo SC de A Pastoriza, Gandería Cid de Barreiros e Os Arroxos SL de Castro de Rei, a produción de mel Pingas de Gaia de Vilalba, as granxas en ecolóxico e con diversificación produtiva Casa Benito do Incio e Gandería Docampo de Castroverde, a produción de horta e conservas Ribeiregas de Negueira de Muñiz e a granxa de razas autóctonas da asociación Fogares Lar Muimenta, en Cospeito..
Súmanse a outros proxectos que xa recibiron visitas na pasadas edición: Cooperativa A Carqueixa (ganderías IXP Tenreira Galega) de Cervantes, A Casa da Fonte (produtos lácteos con pastoreo en extensivo) de Ferreira de Pantón, Airas Moniz (queixaría e lácteos artesáns) de Chantada, Arqueixal (queixaría e lácteos ecolóxicos) de Palas de Rei, Casa Bértolo SC (agricultura e gandaría sostidas pola comunidade) de Friol, Caurelor (castañas, marmeladas e mel) de Quiroga, Champivil (envasado de produtos autóctonos e naturais) de Vilalba, Daveiga Galletas Mariñeiras de Chantada, El País del Abeyeiro (apicultura tradicional e ecomuseo) de Negueira de Muñiz, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Gandería Alejandro Salvatierra (gando en extensivo) da Pontenova, Gandaría Ana Pérez Boo, (gando ovino extensivo en pastoreo) de Abadín, Gandeíra Quintián (queixaría e vacún de leite) do Páramo, Granxa Aeiroá (granxa avícola e ovella galega) de Láncara, Gandería Puluán (queixería e produción de vacún de leite) de Monforte e Granxa Angus do Campo (gando vacún angus en extensivo e ecolóxico) en Castroverde.
Tamén repiten Granxa Teixeiro e Pistón (cabrún e cabalar en extensivo) de Becerreá, Mantoño Holstein (gando vacún leiteiro extensivo) en Barreiros, Milhulloa (herbas medicinais e cosmética) de Antas de Ulla, Muvicla (museo de maquinaría agrícola, gando vacún e mazás en ecolóxico) de Láncara, O Trobo (museo de mel e produción apícola) do Valadouro, Pazo de Vilane (granxa avícola e producíon de ovos) de Antas de Ulla, Porco Celta de Outeiro (granxa de porco celta en extensivo) en Castro de Rei, SAT Lodos e Pérez (vacún leiteiro en extensivo) da Pastoriza, SAT O Palomar (vacún leiteiro) de Láncara, Sen Máis -As Vacas da Ulloa (leite e lácteos ecolóxicos) de Palas de Rei, Terras da Mariña (produción de Faba de Lourenzá) de Lourenzá e Traloagro (gando vacún e avícola ecolóxico) de Friol, Tres Fuciños (cooperativa de porco celta) de Carballedo e Casa A Conguada (gando vacún autóctona e ecolóxico) de Palas de Rei
Tropic Gaia e ADEGA súmanse á oferta educativa con obradoiros de horta e de educación ambiental nos propios centros.



















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



