As axudas contempladas no Plan do Marisqueo e o investimento en formación, entre as iniciativas activadas pola Xunta para contribuír á viabilidade da actividade marisqueira, en aras de facela rendible e atractiva para as xeracións máis novas
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025. O relevo xeracional é un dos principais retos aos que se enfrontan a maior parte das actividades económicas na actualidade. Por iso, a Consellería do Mar, en colaboración co sector, sitúao como un dos principais eixos no Decálogo Estratéxico presentado recentemente. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, así o expuxo en sede parlamentaria, engadindo que así se está a proxectar e a defender a nivel nacional e comunitario ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC) para mellorar a súa gobernanza, eficacia e abordar os desafíos existentes e emerxentes que afectan ao sector marítimo-pesqueiro galego e en aras de facelo atractivo para as xeracións máis novas.
Con este fin, a Xunta está a impulsar e poñer en marcha medidas específicas que faciliten a incorporación de traballadores -principalmente mozos e mulleres- mediante a formación, a mellora das condicións sociolaborais e medidas que aumenten a rendibilidade da actividade que, nos últimos tempos, se viu minguada pola evolución cíclica e decenal da produción de moluscos bivalvos agravada polas altas temperaturas e as fortes choivas de 2023 e 2024 que causaron unha alta mortaldade e, con elo, a caída da facturación nas lonxas.
Precisamente, para paliar estes efectos adversos, Mar activou o Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia, deseñado cos afectados, e a través do que se habilitaron diversas axudas de concesión directa tanto aos profesionais como ás entidades asociativas que son titulares dun plan de xestión de cara a axudar á súa sostibilidade, e que cobren o 100% gastos inherentes á produción marisqueira dos seus bancos, entre as que destacan as de rexeneración cando os bancos que están nas súas zonas de autorización están danados ou para que poidan comprar semente para repoboalos; as de apoio para a contratación da vixilancia e a contratación das asistencias técnicas que fan os seguimentos dos seus plans de xestión; ou as destinadas a actividades que permiten o fortalecemento das entidades destes colectivos mediante a mellora dos seus equipamentos e infraestruturas, o apoio á diversificación das súas actividades e á formación.
Neste último campo, entendido como vía para o fomento de incorporación de traballadores ao sector do mar, Villaverde lembrou que a Consellería do Mar destina un total de 11,3 millóns de euros ao programa da rede de centros formativos, situados en Vigo, Igafa (Vilanova de Arousa), Ribeira e Ferrol, ademais do apoio (1,5 millóns) á formación impulsada polas confrarías.
Sen o apoio do Goberno
Fronte a esta colaboración, dende Mar bótase en falta o apoio doutras Administracións como a central, que non activou todos os mecanismos que tiña ao seu alcance para evitar que o sector do marisqueo galego se vise gravemente afectado por esa alta mortalidade dos recursos. Cabe lembrar que a Consellería solicitara a declaración das rías galegas como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada dunha situación meteorolóxica adversa, co obxectivo de acadar os maiores recursos posibles e que permitirían cubrir as perdas da produción, eximir do pago de cotas á Seguridade Social e, polo tanto, evitar que parte dos mariscadores optaran por abandonar a actividade.
O peche dos plans de explotación provocou que non se realizasen procesos selectivos de cobertura de vacantes como se fixo nos anos anteriores. Con todo, nestes momentos estanse cubrindo postos onde hai listaxe de reserva e iniciando seleccións, polo que a previsión é que ao longo de 2025 se produzan novas incorporacións no marisqueo a pé. Tal é así que nalgún caso hai máis solicitudes que prazas, o que demostra, segundo apuntou Villaverde, o interese por formar parte do réxime do mar.
Traballo escrupuloso dos técnicos
Pola súa banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, puxo en valor a obxectividade e rigorosidade dos informes técnicos que avalan a viabilidade medioambiental de proxectos tractores para a economía de Galicia como o de Altri, en Palas de Rei, e que demostra o compromiso da Xunta por evitar e paliar calquera circunstancia que poida ser un risco marítimo e fluvial.
Neste senso, destacou que a ría de Arousa xa conta con exhaustivos parámetros de control por parte do Intecmar destinados, precisamente, a que a actividade pesqueira se desenvolva cumprindo todas as esixencias necesarias para que esta sexa sostible e segura para a poboación. Así, no referente a contaminantes químicos, dende os anos 90 disponse dunha rede de control dos metais pesados con 13 puntos de seguimento de mexillón en batea, 8 de mexillón en rocha e 14 puntos de seguimento anual de moluscos bivalvos infaunais con interese comercial. Para as substancias organocloradas e hidrocarburos disponse de 13 puntos de seguimento de mexillón en batea, ademais dun total de once estacións oceanográficas con máis de trinta anos de información acumulada nas que semanalmente se rexistran en toda a columna de auga datos de temperatura, salinidade, PH, osíxeno, transmitancia, irradiancia, fluorescencia, densidade e condutividade; e de dúas plataformas océano-meteorolóxicas automáticas en Ribeira e Cortegada, que recollen mostras dende o ano 2007.
Complementan esta rede de estacións autonómicas, a instalada no 2023 nas proximidades do porto de Carril e que tamén rexistra este valores na zona intermareal, e outros entes autonómicos como Augas de Galicia que realiza análises detalladas nas masas de auga doce e de transición do río Ulla.