O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, felicitou ao centro por lograr todos os accésits correspondentes ás tres categorías de educación primaria
Barreiros, 16 de xuño de 2025. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, entregou hoxe os premios logrados polo CEIP de San Miguel de Reinante (Barreiros) no certame Cooperativismo no Ensino 2025, convocado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Arias gabou o labor realizado dende este centro, que recibiu os tres accésits concedidos nas categorías dirixidas a alumnado de educación primaria. Estes niveis participan na modalidade de actividades artísticas.
En canto aos proxectos distinguidos, na categoría de 1º e 2º de primaria foi recoñecido o traballo Cocoperativismo, que fomenta o cooperativismo dende o rural cun debuxo que representa un galiñeiro. Outra accésit foi para a categoría de 3º e 4º curso, co debuxo Cooperaencoro, que reproduce unha presa de auga e incorpora elementos referentes ao cooperativismo empresarial.
Dentro da categoría de 5º e 6º de primaria, foi seleccionada a proposta Coop-Nector, na que idearon un xogo sobre o cooperativismo cun conector lumínico que acende cando se dan respostas acertadas.
Arias felicitou aos gañadores e destacou “a creatividade” dos traballos distinguidos no certame. Resaltou que “o cooperativismo é unha ferramenta estratéxica para construír un rural vivo, dinámico e con futuro“, polo que agradeceu a implicación dos centros educativos “nesta iniciativa que pretende representar e difundir estes valores dende a escola”.