A agrupación socialista aposta pola continuidade dunha etapa centrada no impulso dos servizos sociais, a mellora das infraestruturas e colaboración institucional
Barreiros, 16 de xuño de 2025. A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Barreiros foi renovada este fin de semana nunha asemblea celebrada pola agrupación local, na que María Carmen Veiga Rodríguez foi reelixida como Secretaria Xeral. A militancia avalou así o traballo realizado durante os últimos anos desde o goberno municipal, onde exerce como segunda tenente de alcaldesa con responsabilidade na área de Servizos Sociais e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e tamén desde a dirección política do partido.
A nova executiva socialista de Barreiros combina continuidade e renovación, e queda conformada polos seguintes cargos:
Secretaria Xeral: María Carmen Veiga Rodríguez
Vicesecretario Xeral: Jorge David Vázquez Grande
Secretario de Organización: Ramón Oural Castro
Presidente e Secretario de Administración: Benito Longarela Geada
Secretario de Política Municipal: Miguel Veiga Rodríguez
Secretaria Adxunta a Organización: María Jesús Jover-Peralta Pane
Secretaria de Emprego e Formación: María Soledad Fernández Freire
Secretario de Medio Rural e Medio Ambiente: Juan Bautista Cortiñas Pedreira
Secretario de Dinamización e Cultura: Miguel Ángel Barrera Longarela
Ademais, foron elixidos como Delegados da agrupación ao Comité Provincial Miguel Veiga Rodríguez e Ramón Oural Castro.
A Secretaria Xeral agradeceu o respaldo da militancia e comprometeuse a seguir impulsando un proxecto de progreso para o municipio. “Quero seguir traballando para Barreiros, con responsabilidade, con humildade e con resultados reais para a veciñanza. Estes anos demostramos que é posible facer unha política útil, centrada nas persoas e no fortalecemento dos servizos públicos”, afirmou Carmen Veiga.
Durante estes anos ao fronte da Secretaría Xeral municipal, a agrupación socialista impulsou multitude de melloras para Barreiros grazas á colaboración institucional, especialmente coa Deputación de Lugo. Destacan a renovación do sistema informático do Concello; o asfaltado de catro estradas provincias -tres en San Pedro e unha en Reinante-; as melloras no cableado de terra e outras obras complementarias; a sinatura de convenios en materia de servizos sociais para dotación de camas xeriátricas, grúas e material asistencial; o apoio ao programa municipal de conciliación familiar durante o verán ou a xestión dun novo apeadeiro de ADIF, froito da reunión mantida co Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Ademais, a agrupación socialista continúa traballando na promoción de novos proxectos de interese para o municipio, como a construción da nova depuradora de San Miguel, unha infraestrutura clave para a mellora ambiental e sanitaria de Barreiros.
Un dos piares do traballo desenvolvido por Carmen Veiga ao fronte da Secretaría do PSdeG-PSOE de Barreiros foi a mellora integral do Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade funciona cun modelo plenamente público, baseado en condicións laborais dignas para as traballadoras e nunha xestión directa por parte do Concello. Na actualidade, o servizo conta con 20 profesionais contratadas a xornada completa, o que se traduce en 35 nóminas activas, todas baixo o mesmo réxime laboral, con dereitos e obrigas equiparables.
Este modelo permitiu reducir o custo por hora para o Concello ata os 23,21€, fronte aos 25€ que se pagaban anteriormente, asumindo a administración local a maior parte do esforzo económico, xa que a Xunta de Galicia apenas achega 12€ por hora de servizo. Ademais, garantíronse melloras salariais, a aplicación dos pluses correspondentes, o respecto aos descansos regulamentarios e a planificación de quendas con días libres vinculados aos fins de semana traballados, todo iso dentro dunha xornada semanal de 35,5 horas.
“Fixemos un servizo máis humano, máis eficiente e máis xusto para quen traballa e para quen o recibe. Ese é o modelo que queremos defender”, concluíu Carmen Veiga.
A nova executiva asume o compromiso de continuar traballando pola mellora dos servizos públicos, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento sostible de Barreiros, desde a proximidade coa veciñanza, a escoita activa e a cooperación con outras institucións.