Foz, 3 de xuño de 2025. A cuarta edición do Certame de Teatro Afeccionado do Concello de Foz, que leva o nome de José Luis López Lorenzo (O Poto), dará comezo este venres, día 6 de xuño, ás 20.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María. “Foi difícil seleccionar as seis obras participantes xa que cada ano se inscriben máis e de maior calidade”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
As seis elixidas, que se poderán ver desde este venres en Foz, son: venres 6 ás 20.30 horas, Sen frores nin coroas, da Asociación 57 palabras, de Viveiro;. sábado 7 ás 18.30 horas, Segredos de familia e licor café, de Martabelas Compañía de Teatro (Teo); domingo 8 ás 18.30 horas, Cartas da muller ausente, de Ditirambo Teatro, da Coruña; venres 13 ás 20.30 horas, Pareja abierta, da Asociación Nimú de Lui (Teruel); sábado 14 ás 18.30 horas, El Legado, da Asociación teatral El Telón Negro, de Madrid; e domingo 15 ás 18.30 horas, As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi, de Avelaíña Teatro (Pontevedra).
A edil delegada de Cultura destaca: “este ano contamos coa participación de grupos de fóra de Galicia, de Teruel e Madrid, polo que o certame comeza a ter atractivo para todo o territorio nacional. Agardamos que o público acuda ás representacións, que son gratuítas e nas que os seus votos serán decisivos para ver que obra se alza co premio final, que será entregado o sábado 28 de xuño nunha gala presentada por Isabel Risco”.