Na IX Asemblea tamén se renovaron os cargos da Executiva Comarcal e escolléronse as persoas que formarán parte do Consello Confederal
Lugo, 6 de xuño de 2025. A IX Asemblea Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña elixiu este venres a Lois Neto López como novo secretario comarcal, en substitución de Antonio Niño Saavedra que ocupaba esta responsabilidade dende hai 12 anos. A candidatura de Neto, a única que concorría, obtivo 150 votos a favor, 1 brancos e ningún nulo. No proceso, que se desenvolveu baixo o lema “A forza da nosa clase. Traballo, dereitos, soberanía”, tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán á comarca no Consello Confederal. A asemblea contou coa presenza do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu durante o acto de clausura.
Composición da nova Executiva Comarcal
A nova Executiva Comarcal, á que só concorreu unha candidatura encabeza por Lois Neto, recibiu 150 votos a favor, 1 branco e ningún nulo, quedando composta polas seguintes persoas: Lois Neto López; Asunción Castiñeira Fernández; Xorxe Caldeiro Díaz; Dulce Neira Fraga; Antonio Niño Saavedra; Luzdivina Rebollal Juanes; Miguel Ángel Pérez Núñez; Beatriz López Valdés; e Roberto Carballo López.
Activar a negociación colectiva e a mobilización
Na súa primeira intervención xa investido como secretario comarcal, Lois Neto valorou que a Unión Comarcal sae fortalecida deste proceso “con máis ideas e compromisos para o futuro que nos agarda, porque o actual contexto político, económico e social no que vivimos non permite nin pausas, nin desmobilización, nin conformismo”.
“Precisa, engadiu, de acción e determinación na conquista dos nosos obxectivos”, sendo a negociación colectiva unha ferramenta chave da clase traballadora para mellorar as súas condicións de vida. Mais na provincia de Lugo, advertiu, hai milleiros de persoas traballadoras con convenios caducados ou sen convenio propio, “abandonas pola patronal coa pasividade dos sindicatos españois”. Neto instou a redobrar esforzos para activar a negociación colectiva e mobilizar os sectores “porque cada convenio que conseguimos mellorar é unha vitoria que sementa conciencia”.
Neste camiño, chamou a expandir a presenza da CIG na provincia, reforzar a organización e a capacidade de intervención, “reformulando a nosa acción sindical para facela máis efectiva, medrar e gañar hexemonía sindical”. O novo secretario comarcal apuntou que o obxectivo debe ser “disputar a primeira posición sindical na provincia de Lugo”, como a CIG xa é primeira forza na Galiza.
Política industrial e máis servizos públicos
Fronte ao desmantelamento dos servizos públicos, a falta de infraestruturas e o abandono sistemático dos Gobernos español e galego, Neto clamou “por unha política industrial ao servizo dos intereses do pobo e non de multinacionais”, que free a desertización social e económica que padece unha provincia eminentemente rural como Lugo.
Exixiu que se garanta a continuidade da produción e dos postos de traballo en Alcoa San Cibrao e rexeitou o proxecto da macrocelulosa de Altri na Ulloa. Pola contra, subliñou Neto, na CIG “apostamos por unha industria galega sustentábel, con valor engadido, baseada nos nosos recursos naturais, pero con control social, emprego digno e respecto ao medio e á natureza”.
Outra das problemáticas que puxo enriba da mesa foi o avellentamento da poboación e o despoboamento do rural. Unha realidade que hai que combater con investimentos e non con recortes: “un centro de saúde, unha escola, unha residencia, un SAF, son vida, son emprego e son futuro para a provincia”, aseverou.
Neste contexto, o secretario comarcal denunciou a precariedade dun sector fundamental e feminizado como o dos coidados “que podería ser un motor económico que xera riqueza e fixa poboación se se desenvolve dende o público con condicións laborais dignas” e con orzamentos suficientes para garantir unha atención de calidade ás persoas.
Ao longo da súa intervención, Lois Neto fixo tamén fincapé no papel da CIG como “sindicato social comprometido co conxunto das loitas que afectan á vida da clase traballadora”, asegurando que “seguiremos a defender” os dereitos sociais, os servizos públicos, os dereitos das mulleres, a loita contra o patriarcado, o apoio aos coidados, o dereito a unha vivenda digna ou o dereito a vivirmos plenamente en galego.
Mais tamén instou a non calar ante o que está a acontecer co pobo palestino, vítima dun xenocidio por parte do estado sionista de Israel, e a rexeitar os discursos belicistas e os chamamos a incrementar o gasto en armamento.
Medra a representación e a afiliación
Antes da elección dos novos cargos, a IX Asemblea Comarcal debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por unanimidade: 144 votos a favor, ningún voto en contra e ningunha abstención.
No documento, defendido polo até agora secretario comarcal, Antonio Niño, destácase o papel protagonista da CIG de Lugo-A Mariña na conflitividade laboral e na mobilización social nestes catro anos, reflectido no incremento na representatividade acadado neste período, no que a CIG pasou de ser terceira forza na provincia a empatar con CCOO e a quedar a tan só dous puntos de UGT.
O medre constante da evolución convértese tamén nun parámetro fundamental para analizar a evolución da CIG como referente na provincia da clase traballadora para a defensa dos seus dereitos. No conxunto da Unión Comarcal rexistrouse un medre da afiliación nestes catro anos do 9,44%, estando actualmente no momento de maior afiliación da historia na comarca.