Os proxectos de Acción Voluntaria están destinados a fomentar a participación activa da mocidade nas actividades sociais e culturais do municipio
Cervo, 3 xuño de 2025. O Concello de Cervo vén de convocar os programa “Cervo a carón do voluntariado IX” -dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos- e Voluntariado Miúdo V –dirixido á mocidade de entre 12 e 15 anos-.
A alcadesa, Dolores García Caramés, achegouse hoxe ata o IES Marqués de Sargadelos, para explicarlles aos rapaces e rapazas en primeira persoa en que consisten estas iniciativas e o obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil “co que se busca non só fomentar o compromiso e a solidariedade entre a xuventude, senón tamén ofrecerlles un espazo de aprendizaxe práctica, convivencia e responsabilidade social”.
Así, este mesmo martes, ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información e inscribirse na Casa da Cultura.
O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase durante todo o verán, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
A rexedora destacou a importancia deste programa á hora de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade destacando “a importancia de implicar á mocidade na vida do municipio, ofrecéndolles canles de participación activa e experiencias enriquecedoras que lles axuden a medrar persoal e socialmente”, como nos comentan os mozos e mozas que xa viviron a experiencia en edicións pasadas.
Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán, o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-, ou a colaboración en diferentes actividades nocturnas de carácter cultural.