Ribadeo, 4 de xuño, 2025. O grupo municipal do Bloque de Ribadeo quere recordar a toda a veciñanza que os datos que se fixeron públicos esta semana pertencen á Conta Xeral do ano 2024 e do ano 2023. Denuncia tamén “as mentiras desesperadas do equipo de goberno para intentar xustificar o seu despilfarro. Contra o relato interesado e parcial, remarca que o máis importante son os datos”.
O voceiro do BNG, Pablo Vizoso, explica que: “A comezos desta semana fixemos públicos os datos da Conta Xeral 2024 e os da 2023 (que xa estaban publicados) e que deixan en moi mal lugar o goberno do PP. Uns aforros case inexistentes e facturas pendentes que non paran de medrar ano a ano e que xa superan con creces os remanentes. Parece que mostrar a realidade económica non sentou moi ben dentro das filas populares e dedicáronse a enlodar e inventar cifras para defenderse. Din que o dato mata o relato e neste caso está todo moi claro. Podemos repetilo por se non se enteraron ou non se quixeron enterar: no ano 2022 o Concello declarou 1.661.441€ en remanentes, no ano 2023 a cifra xa baixou a 1.160.789€ e no 2024 pecharon con 224.753€. Unha redución de máis de 1.400.000€. Pola contra, as facturas pendentes pasaron de 269.783€ do ano 2022, a cifra xa se disparou até 636.627€ no ano 2023, para chegar até os 662.590€ deste ano”.
Vizoso rematou: “Hoxe adxuntamos os datos directos da Conta Xeral e da Liquidación dos Orzamentos para que non caiba dúbida, son datos asinados polo propio alcalde, non os inventamos nós. E non nos quedaremos aquí, ao longo desta semana faremos público o total de gastos en propaganda, en papatorias do alcalde e compañeiros, e outros conceptos moi “interesantes”. “Volvemos pedirlle ao goberno municipal que deixe de mentir e de difamar e que comece a pensar como solucionar a grave situación na que se atopan. Son os únicos responsables, e os veciños e as veciñas de Ribadeo demandan solucións”.