Os socialistas levan tres plenos advertindo da situación e lembran que sen servizo de socorrismo non é posible manter este distintivo de calidade
O Vicedo, 12 de xuño de 2025. O PSdeG-PSOE de O Vicedo celebra que o Concello publicase finalmente a oferta de emprego para a contratación de 6 socorristas a xornada completa na tempada de verán, pero critica a tardanza e a escasa difusión da convocatoria, que só se publicou na web municipal.
A agrupación socialista lembra que leva tres plenos alertando da necesidade de activar esta contratación, ante o risco de perder un servizo esencial para garantir a seguridade nas praias e manter as bandeiras azuis. Advirten de que o goberno local volve chegar tarde, deixando apenas uns días de marxe antes do inicio da tempada estival, o que dificulta a captación de persoal cualificado.
“Non se pode improvisar cando está en xogo a seguridade das persoas e a imaxe de O Vicedo”, sinalan. Nese sentido, consideran incoherente que o executivo municipal presuma de bandeiras azuis cando non garante os requisitos mínimos que estas esixen. “A calidade das praias non se mantén con propaganda, senón con planificación e responsabilidade”, engaden.
Outros concellos da contorna, como Barreiros, activaron os seus procesos con antelación. Neste caso, a convocatoria publicouse no BOP o 8 de maio, e o prazo de solicitudes estivo aberto do 9 de maio ao 12 de xuño. “Iso si é previsión. En O Vicedo dan só dez días e fan o proceso de selección o 17 de xuño. Así é difícil atraer profesionais”, critican.
Desde o PSdeG-PSOE afirman que, como oposición construtiva, están a dar visibilidade á convocatoria municipal para que se cubran as prazas e se poidan prestar os servizos mínimos este verán. “Sen socorristas non hai praias seguras, nin bandeiras azuis, nin turismo de calidade”, subliñan.
O grupo municipal leva tempo denunciando a situación irregular das bandeiras azuis e insistindo na importancia de contar con servizos de socorrismo para garantir praias seguras e con garantías reais. Por iso, animan ás persoas tituladas a presentarse e contribuír a un verán máis seguro no Vicedo.