A décimo oitava edición da iniciativa contará, un ano máis, co tradicional desembarco de Carlos V
Viveiro, 8 de xuño de 2025. A décimo oitava edición do Mercado Renacentista de Viveiro celebrarase do 4 ao 6 de xullo. A actividade converterá de novo o centro histórico da vila nun escenario de época. A iniciativa, xa consolidada como unha das citas culturais e turísticas do verán na Mariña lucense, contará con animación de rúa, artesanía, espectáculos itinerantes e o Gran Desembarco de Carlos V.
Na súa decimo oitava edición, o Mercado Renacentista recuperará a esencia das antigas feiras, cun mercado ambientado no século XVI que encherá as rúas de Viveiro de postos de produtos tradicionais, representacións teatrais e exhibicións de oficios da época. A programación incluirá pasarrúas, espectáculos nocturnos con lume, acrobacias e recreacións históricas. Ademais, ofrecerá un amplo abano de actividades para todos os públicos.
A alcaldesa Mariña Gueimunde sinalou que «o Mercado Renacentista é unha oportunidade para poñer en valor o noso patrimonio e atraer visitantes que dinamizan o comercio e a hostalaría local». Engadiu que «o Gran Desembarco de Carlos V é un dos momentos máis esperados, unha recreación que destaca pola súa espectacularidade e pola implicación do tecido asociativo de Viveiro». A rexedora agradeceu a colaboración da veciñanza que cada ano participa nesta cita histórica.