Alfoz, 16 de xullo, 2025. Como cada ano, o terceiro sábado de xullo e a súa véspera, Alfoz recrea a historia e a lenda do Mariscal Pedro Pardo de Cela no seu Mercado Medieval, que este ano celebra a súa vixésimo quinta edición. Os arredores da Torre Fortaleza do Castrodouro locen xa preparados para esta viaxe ao século XV que, coma sempre, é obra do esforzo conxunto do Concello de Alfoz, o Grupo Teatral Raiolas e un exército de veciños que dende o ano 1999 fan posible unha cita xa fixa no calendario festivo da Mariña Lucense.
Os actos comezarán na tarde-noite do venres, coa recreación da chegada do Mariscal Pardo de Cela ao seu castelo do Castrodouro, seguida dun concerto de música medieval a cargo do coro “Mestre Pacheco” de Mondoñedo, o acendido da “Cerna da Historia” e a celebración de vodas medievais.
O sábado, día grande do Mercado, arrincará coa ruta de sendeirismo “Da ponte ao Castrodouro”, da man de Guía tu Día (inscricións no teléfono 654996857). No percorrido, de dificultade baixa, será posible percorrer algúns dos recunchos naturais de maior beleza do curso do Río Ouro.
O pregón deste XXV Mercado Medieval de Alfoz correrá a cargo das persoas fundadoras da festa. Este será o punto de partida para toda unha xornada con actividades para os maiores e os máis pequenos como: postos de gastronomía e artesanía, teatro de títeres, recreación de tabernas tradicionais, xogos populares, voo de aves rapaces, torneo ecuestre, exhibicións de malabares, danzas medievais, música e moito máis. Todo isto co obxectivo de desfrutar de dous dos valores máis grandes do Castrodouro e o seu Alfoz: o seu entorno e a súa lenda.
Como xa é habitual, a xornada rematará coa tradicional cea medieval, así como coa representación da obra teatral “As sete almas do Mariscal”, unha queimada e o concerto de “Upsala Medieval”.