Cervo, 11 de xullo. O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza e visitantes a gozar das Festas na honra á Virxe do Carme que se celebrarán en San Cibrao entre os días 12 e 16 de xullo, cun completo programa de actividades culturais, relixiosas e musicais pensadas para todos os públicos.
O sábado 12 de xullo dará comezo a programación cunha gran mexillonada popular na Praza dos Campos, organizada pola Asociación Amigos da Maruxaina, a partir das 20:00 horas. O luns 14, a praza do Lugar acollerá a representación teatral A Tarabela Ambulante.
O martes 15 de xullo, día grande das festas, terá lugar unha sesión vermú coa orquestra Salsarena e pola noite celebrarase a tradicional Misa Solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro, ás 21:00 horas, cantada pola Coral Terramar. A continuación, terá lugar a baixada da Virxe do Carme en procesión ata o peirao, acompañada pola Banda de Música San Inocencio de Burela. Esta procesión, organizada pola Asociación Mar de San Ciprián, incluirá unha homenaxe especial aos compañeiros recentemente falecidos Ángel Ramón Villares Núñez e Mari Luz Bertolo Álvarez, que durante anos colaboraron activamente coa organización da procesión.
Xa pola noite, a praza dos Campos acollerá unha gran verbena coas actuacións da orquestra Salsarena e o grupo Arizona.
O mércores 16 de xullo, celebrarase unha misa solemne no peirao, ás 12:00 horas, cantada tamén pola Coral Terramar. Ao remate, terá lugar unha ofrenda floral na honra aos mariñeiros falecidos, a cargo de Mari Carmen Pena Coldeira, seguida da procesión cara á Igrexa de Lieiro, acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe e que organiza Mar de San Ciprián.
Ese día a sesión vermú estará protagonizada polo Grupo La Bamba que repetirá na verbena xunto á orquestra Fania Blanco Show, a partir das 22:00 horas.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, salientou que “estas festas son unha das máis especiais e arraigadas da nosa vila, e queremos convidar a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar e gozar con responsabilidade de cada unha das propostas programadas”.
Engadiu tamén un agradecemento especial a todas as persoas, colectivos e asociacións que colaboran para facer posible esta celebración, mantendo vivas as nosas tradicións e o noso espírito mariñeiro. “O seu traballo desinteresado e comprometido é fundamental”.
O Concello de Cervo quere recoñecer de maneira especial a colaboración da Asociación Mar de San Ciprián, a Asociación Amigos da Maruxaina, a Anxuela, a Asociación Mulleres de San Ciprián –que se encarga da decoración floral- e todos os grupos musicais –como A Rebolaxe e a coral Terramar- culturais e voluntariado implicado nestas festas con tanta tradición en San Cibrao.