A Pontenova, 4 de xullo de 2025. A Asociación Equus Norte prepara a segunda edición da Rapa das Bestas de Neipín, que se celebrará o vindeiro 19 de xullo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e do Concello da Pontenova.
A área de Rural, que impulsou a posta en marcha da rapa o ano pasado co financiamento da instalación do curro no Alto de Neipín, mantén o apoio económico á organización desta celebración arredor do mundo do cabalo.
Ademais de contribuír aos gastos derivados da propia xornada, a área dirixida por Daniel García impulsou este ano novas melloras co financiamento dun peche móbil para reter os animais nun lugar antes do inicio da actividade no curro e dun fito informativo, instalado xa a carón do propio curro.
Ali, presentouse o cartaz desta segunda edición da rapa que comeza na véspera , o 18 de xullo, con degutacións gratuítas de hamburguesas de carne de cabalo de Pura Raza Galega nos locais de hostelería da vila, no marco do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural de gusto.
O día da rapa -o 19 de xullo – a actividade comezará ás 11.30 horas coa entrada dos animais ao curro, onde as aloitadoras e aloitadores terán que rapalos e marcalos para logo devolvelos ao monte. Pola tarde, ás 16.30 horas, haberá unha demostración de doma de cabalos a cargo do Club Hípico Castiñeiros.
Na presentación do cartaz, a organización destacou a implicación coa rapa da veciñanza, que leva semanas interesándose pola data, e da hostelería da vila, que participa activamente nas degustacións e prepara actividades de dinamización propias como sorteos.
O deputado Daniel García celebrou “a boa acollida deste evento, que apoiamos desde o inicio, investindo na infraestrutura necesaria para organizar con público un traballo que xa se viña realizando para rapar e identificar os cabalos que se crían en liberdade na contorna” e reiterou o compromiso da área de Rural “con esta tradición que reflicte unha forma de vida e de relación cos animais e co territorio que forma parte do noso patrimonio”.
A rapa das bestas no Alto de Neipín súmase ás outras rapas con tradición na comarca da Mariña, a de Candaoso,en Boimente, en Viveiro, que se celebra esta fin de semana, e á do Campo do Oso, en Mondoñedo, que se celebrou a pasada fin de semana.