O curso, gratuíto, ofrece 20 prazas, e contará cunha parte teórica e outra práctica
Barreiros, 2 de xullo de 2025. Barreiros acollerá a vindeira semana un curso de apicultura orientado a mellorar a xenética dos apiarios, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O curso, impartido por persoal da Casa do Mel de Goente, desenvolverase os días 7,8, 9, 11, 12 e 13 e contará cunha parte teórica -na Escola de San Cosme de Barreiros, o día 7, e na Escola de Celeiro de Mariñaos, o resto dos días – e outra práctica nas que se ofrecerán coñecementos sobre selección de abellas e técnicas de reprodución.
O deputado de Rural Daniel García explicou que “seguimos apostando pola formación ara impulsar unha actividade que ten unha marxe de mellora e de desenvolvemento importante, e que incide na diversificación produtiva e no mantemento do territorio”.
Como complemeto á formación práctica, as apicultores e apicultores que participen no curso levarán unha raíña virxe para poñer en práctica nos seus colmeares os coñecementos adquiridos. A asistencia require inscrición previa no enderezo casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661003616. Ofrécense un máximo de 20 prazas.
O curso, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros, inclúese na segunda edición do programa de formación en apicultura impulsado pola área de Rural para apoiar o desenvolvemento desta actividade que chegará ao longo do ano a diferentes localidades da provincia.