Ribadeo, 14 de xullo de 2025. Concello e Acisa fan un balance moi positivo do décimo Ribadeo Indiano polo que pasaron 80.000 persoas. O impacto económico sitúase nos 4 millóns de euros.
O alcalde, Dani Vega, subliñou que “80.000 persoas pasaron polo Ribadeo Indiano e 4 millóns de euros de impacto económico. Datos que reflicten que estamos ante un evento que está demostrado que é un revulsivo para Ribadeo. Cultura, actividades tradicionais, exposicións, concertos, en definitiva, moita vida no Ribadeo Indiano”.
O rexedor tivo palabras de agradecemento: “aquí cabe felicitar e dar as grazas ao persoal do Concello, da organización de todo o evento, tamén o persoal de limpeza, aos corpos e forzas de seguridade do Estado, aos membros de Protección Civil e aos voluntarios. Grazas a todos porque grazas a esta coordinación perfecta, pois todo sae moito mellor. Estamos ante un evento que reivindica evidentemente a nosa cultura, a nosa tradición, de onde vimos, a historia fíxose presente este fin de semana, pero entre todos debemos seguir construíndo un evento que evidentemente ten un impacto de dimensión mundial, un impacto cultural, tamén de poñer en valor a nosa arquitectura, pero tamén ten unha dimensión, un impacto económico, 4 millóns de euros, que é ese revulsivo que necesita Ribadeo”.
Vega declarou: “cando se fala do Ribadeo Indiano, evidentemente non é unha festa, é un evento cultural, de reivindicación, de poñer en valor todo o noso patrimonio, pero tamén é un evento que ten un impacto económico, 4 millóns de euros que se fixan en Ribadeo. E iso, evidentemente, pois hai que agradecerllo a todos, tanto a veciños como aos visitantes, que viñeron e participaran do Ribadeo indiano. Cabe destacar que un evento destas características é grazas a todos. Hai que destacar toda a colaboración que estamos tendo con Acisa, unha simbiose perfecta e así vamos seguir. Eventos deste tipo, cando se organizan coa asociación de comerciantes, con Acisa, pois todo sae moito mellor. E tamén grazas ás administracións. tanto á Deputación como á Xunta de Galicia. Sen eles sería bastante, por non dicir imposible, ter este evento, con estas dimensións, con esta actividade, con esta calidade de concertos e de eventos culturais”.
E engadiu: “entre todos, fixémolo posible e vamos seguir organizando e preparando todos os eventos porque queda moito por chegar, queda moito verán. Disfrutemos todos do Ribadeo que queremos”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “as cifras están aí. Arredor de 80.000 persoas e máis de 4 millóns de euros de impacto económico do Ribadeo Indiano no tecido empresarial ribadense. O balance que facemos desde Acisa é moi positivo, polo que eses datos suporán para a economía de local. Foi unha edición de récord. Non había máis que dar un paseo por calquera punto de Ribadeo para ver á xente caracterizada, gozando de todo a programación deseñada… a chegada dos indianos o venres no porto foi espectacular, como tamén o foi onte o concerto que ofreceron Los Van Van no barrio de San Roque. Eles foron, xunto ao sorteo da viaxe a México para 2 persoas, o broche de ouro do X Ribadeo Indiano. Marisol Morales, unha mexicana afincada nesta zona, foi a gañadora do premio. Ela é de Veracruz, pero non coñece a Riviera Maya, e agora poderá facelo no mes de setembro”.
Cruzado Iglesias manifestou: “desde Acisa queremos dar as grazas a todas as nosas asociadas e asociados pola súa implicación no Ribadeo Indiano 2025, a todo o tecido empresarial deste municipio, ás administracións públicas polo seu apoio: Área de Cultura da Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, ás empresas privadas que nos patrocinaron, a traballadores municipais, a voluntarios, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, que traballaron intensamente para que este evento se desenvolvese con normalidade. Acisa e Concello seguiremos a traballar xuntos por Ribadeo. E sobre todo grazas á veciñanza de Ribadeo e aos milleiros de persoas que coa súa presenza apoiaron a décima edición desta cita. Hoxe comeza xa a conta atrás para o Ribadeo Indiano 2026”.