A Mariña, 23 de xullo, 2025. Ecoloxistas en Acción solicitou a Portos do Estado e á Consellería de Medio Ambiente que recurran, como órganos competentes para establecer recursos administrativos ante os actos das Autoridades Portuarias locais, a prórroga da explotación da illa Pancha en Ribadeo
Ecoloxistas en Acción, xunto coa asociación veciñal Polo noso Faro, denuncian que a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao tomou o acordo de prorrogar a concesión do Faro e anexos da Illa Pancha de Ribadeo para a súa explotación privada como Apartamentos Turísticos e Cafetería, sen a pertinente avaliacion de impacto ambiental, a pesar de ser un espazo da Rede Natura 2000.
A organización ecoloxista lembra que a Oficina do Defensor do Pobo pronunciouse repetidamente sobre diferentes irregularidades na tramitación dos proxectos de Apartamentos Turísticos e Cafetería na Illa Pancha de Ribadeo, especialmente sobre a carencia do Estudo de Impacto Ambiental para ambos proxectos de acordo coa normativa vixente en relación con espazos incluídos na Rede Natura 2000, como é este caso.
Os órganos competentes para establecer recursos administrativos ante os actos das autoridades portuarias locais son a comunidade autónoma onde se sitúe dita autoridade portuaria local e Portos do Estado. Por iso, Ecoloxistas en Acción solicitou a Portos do Estado e á Consellería de Medio Ambiente que recurran a prórroga da explotación da illa Pancha decretada pola Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e esixan a realización do Estudo de Impacto Ambiental de acordo coa normativa vixente a nivel da Unión Europea, do Estado Español e da Xunta de Galicia.
“Agardamos que tanto Portos do Estado como a Xunta de Galicia non desatendan a nosa solicitude, xa que, segundo lle notificou o Defensor do Pobo á asociación Polo noso Faro, despois de diferentes interpretacións, ambos organismos, recoñeceron e aceptaron as súas suxestións respecto a obriga dun estudio de impacto ambiental”, conclúe o voceiro de Ecoloxistas en Acción.