A conselleira María José Gómez reuniuse hoxe co alcalde desta localidade luguesa, beneficiaria das achegas do Plan Camiña Rural
Lugo, 14 de xullo de 2025. Cospeito recibiu un total de 92.824 euros para financiar a mellora dos seus camiños municipais con cargo ao Plan Camiña Rural da Xunta para o período 2025-2026. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe co alcalde deste concello lucense, Armando Castosa, para avaliar esta colaboración e avanzar noutros eidos relacionados co impulso ao agro neste municipio.
Na xuntanza, que tivo lugar na Delegación territorial da Xunta en Lugo, púxose en valor este investimento, que permitirá ampliar e mellorar camiños para facilitar a accesibilidade no medio rural, vertebrar o territorio e contribuír á fixación de poboación, reforzando así as condicións de vida e traballo nestas zonas.
O Plan Camiña Rural permitirá executar, durante os anos 2025 e 2026, un total de 626 actuacións en preto de 513 quilómetros de vías municipais en 299 localidades de toda a nosa comunidade, o que implica un orzamento superior aos 18 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.