Foz, 4 de xullo de 2025. A concelleira de Cultura en Foz, Inés López Couto, destaca que o municipio “é un lugar de inquedanzas culturais. Isto demóstrase coa gran cantidade de asociacións que organizan actividades e eventos, ademais do éxito que acadan cada unha delas”.
Como exemplo, Inés López explica que “a fin de semana pasada finalizou o IV Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo (O Poto), no que cada ano a participación é maior e de mellor calidade. O sábado entregáronse os premios ás compañías participantes. Os premiados por categoría foron: premio á mellor actriz, Laura Carvajal, da Asociación Teatral El Telón Negro, pola obra El Legado; premio ao mellor actor, Xabier Fernández, de Avelaíña Teatro, pola obra As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi; premio ao mellor guión orixinal, Lola Roel, de Ditirambo Teatro, pola obra Cartas da muller ausente; premio á mellor dirección, José Antonio Pérez, da Asociación Teatral El Telón Negro, pola obra El Legado; premio á mellor posta en escena, Ditirambo Teatro, pola obra Cartas da muller ausente; remio á segunda mellor representación, Nimú de Lui, pola obra Pareja Abierta; premio á mellor representación, Asociación Teatral El Telón Negro, pola obra El Legado.
“Estamos moi contentos da afluencia de público e do grandísimo nivel das compañías. O teatro afeccionado é un semilleiro de actores que poderían ser profesionais moitos deles. Ademais estivemos acompañados de Isabel Risco, que nos fixo unha magnífica actuación para finalizar este precioso certame que creo que homenaxea a todos eses actores coma O Poto que nos fixeron chorar de risa ou sentir de forma profunda o amor polo teatro”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Por outra parte, o pasado domingo chegou a Foz o novo grupo de Lino Rico, conformado por el ao piano ademais dos cantantes Lolo Castro e Marga Gutiérrez. “A Casa da Cultura quedouse pequena para acoller este concerto, que foi unha homenaxe á música de sempre. Con sons de tangos, baladas, bandas sonoras de películas, etcétera, conseguiron emocionar a un público entregado. Moito do público eran afeccionados á música e integrantes doutras agrupacións locais e comarcais que quixeron arroupar este proxecto do sempre magnífico Lino”, destaca a concelleira de Cultura.
“É importante impregnar ás novas xeracións desta música que é historia, que escoitas e es capaz de emocionarte deixándote levar polo son do piano e as voces de tan xeniais intérpretes. Agradecemos a Lino a disposición a vir a Foz para comezar este novo proxecto e a Eliseo e Cruz por axudar na organización dun concerto que foi puro sentimento”, finaliza o alcalde de Foz, Fran Cajoto.