Balseiro considera que “a resposta do Goberno reafirma unha vez máis que o único que están facendo, a pesar de enumerar actuacións, é desmantelar a liña de FEVE entre Xixón e Ferrol”
Lugo, 18 de xullo de 2025. Os senadores do PP por Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Goberno de España non ten absolutamente ningunha previsión para a electrificación da liña de FEVE entre Xixón e Ferrol” que pasa pola Mariña de Lugo.
Así se desprende da resposta oficial do Executivo a preguntas formuladas polos representantes populares no Senado ante a súa preocupación pola súa situación. De feito, aseguran que “a liña de ancho métrico do noroeste peninsular é a única de FEVE, xunto ao cercanías de León, que quedan sen electrificar en España”.
Os senadores do PP solicitaban información sobre prazos e investimentos para as actuacións de electrificación do FEVE, pero “o Goberno de Sánchez non aclara nada”. E isto, para os populares, “reafirma unha vez máis que o único que están facendo, a pesar de enumerar actuacións, é desmantelar a liña”, segundo asegura o senador mariñán, José Manuel Balseiro.
A pesar das promesas de mellora, a realidade evidente é que esta liña ferroviaria que percorre os municipios costeiros da Mariña “agoniza lastrada por continuas avarías, accidentes e perda progresiva de usuarios”, que non recoñecen á antiga FEVE que supoñía unha opción de mobilidade atractiva e de calidade.
A Plataforma pola defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo contabilizou máis de 500 suspensións de servizo durante o 2024; ás que se suman accidentes, atrasos e incidentes varios, moitos derivados da falta de mantemento dos equipos rodantes e da infraestrutura viaria, tal e como denuncian os propios traballadores.
Os populares xa teñen advertido da “discriminación” que supón o feito de que “os usuarios do tren de ancho métrico (FEVE) en Asturias e Cantabria viaxen gratis, pero que en Galicia (Ribadeo-Ferrol) teñan que pagar”.