“Trátase de dúas directivas mozas e comprometidas, que chegan con ilusión e co obxectivo de consolidar estes clubes como referentes do noso tecido deportivo e social”, destaca o voceiro popular, Javier Castiñeira
Foz, 23 de xullo de 2025. O Partido Popular de Foz quere dar publicamente a benvida ás novas directivas do CD Foz e do CB Celtas. “Trátase de dúas directivas mozas e comprometidas, que chegan con ilusión e co obxectivo de consolidar estes clubes como referentes do noso tecido deportivo e social”, destaca o voceiro popular, Javier Castiñeira.
Ambas entidades representan dous piares fundamentais da vida comunitaria de Foz, non só polo seu labor deportivo, senón tamén polo seu papel integrador e educativo. Por iso, dende o PP consideran imprescindible que o Concello de Foz lles brinde o apoio institucional e económico que merecen.
Nese sentido, o Partido Popular denuncia a preocupante falta de compromiso do goberno socialista, encabezado polo señor Cajoto, que leva anos sen abonar as subvencións nominativas correspondentes a estes clubes. “Estamos a falar de cantidades moi importantes que conforman boa parte dos orzamentos destas entidades, e que aínda non foron pagadas a pesar das promesas do alcalde”, sinala o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira.
En marzo deste ano, o Grupo Popular interesouse polo estado destas axudas, consciente do proceso de transición e cambio de directivas. Os populares entenden que para que as novas directivas poidan comezar o seu traballo con garantías, necesitan contar cun marco de seguridade económica.
“Non se pode esixir planificación nin proxectos de futuro se non se cumpre cos compromisos básicos. Estes clubes non poden funcionar con incerteza ano tras anos”, engade Castiñeira.
Desde o PP de Foz esixen ao alcalde que aboe de inmediato as contías pendentes e deixe de escudarse en desculpas. “As persoas que asumen a responsabilidade de lideras estas entidades fano por amor ao deporte e ao pobo. O mínimo que merecen é respecto institucional e apoio real por parte do Concello”, conclúe o voceiro popular.