O voceiro popular pon como exemplo o Camiño de San Rosendo, que une a Rexa coa Fábrica da Luz, na parroquia de Celeiro de Mariñaos, unha zona na que urxe desbrozar xa que dá acceso a varias vivendas; ou o barrio de Vilar, en San Cosme, unha zona moi empregada xa que é unha alternativa que usan moitos condutores para chegar á Nacional
Barreiros, 14 de xullo de 2025. Os concelleiros do PP de Barreiros denuncian que a mediados de xullo o goberno local do BNG aínda non rematou os traballos de desbroce e limpeza das vías municipais, “unha imaxe moi mala para a veciñanza e para os turistas que xa están nos areais”.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, denuncia que son varias a rúas de titularidade do Concello nas que aínda non se actuou a pesar de que “ás alturas de xullo nas que nos atopamos os traballos xa terían que estar rematados, realizando xa tarefas de supervisión por se fose necesaria unha segunda pasada”.
José Manuel Gómez Puente pon como exemplo o Camiño de San Rosendo, que une a Rexa coa Fábrica da Luz, na parroquia de Celeiro de Mariñaos, unha zona na que urxe desbrozar xa que dá acceso a varias vivendas; ou o barrio de Vilar, en San Cosme, unha zona moi empregada xa que é unha alternativa que usan moitos condutores para chegar á Nacional
O voceiro popular recorda que “non todos os anos podemos estar a dar esta mala imaxe” sobre todo porque “Barreiros ten medios propios suficientes” para poder programar e iniciar estes traballos con antelación “e garantir a seguridade viaria e non dar imaxe de abandono”.
José Manuel Gómez Puente recorda á rexedora a necesidade de manter un plan de limpeza e desbroce durante todo o ano, xa que “non se pode deixar o municipio abandonado e tentar lavar a cara en dúas semanas como sucedeu este e nos últimos anos”.
José Manuel Gómez Puente insiste en que o desbroce non so contribúe a mellorar a imaxe do municipio, senón que axuda a “mellorar a seguridade viaria” garantindo a visibilidade en numerosos cruces e curvas, así como para ver sinais de tráfico que agora están cubertas pola maleza.
Ademais, o voceiro popular recorda que o Concello de Barreiros ten dous tractores, un deles financiado pola Deputación, para poder realizar estes traballos “polo que non se entende esta demora nos traballos”.
Ademais, Gómez Puente recorda que hai moitas zonas xa desbrozadas, como o acceso á praia do Acantilado, nas que a herba non se recolleu e se deixou tirada “dando tamén unha mala imaxe”.