José María Fernández lamenta que a piques de rematar o mes de xullo aínda non se realizaran as tarefas de roza nas estradas da Deputación en Trabada pese a que a vexetación invade a calzada diminuíndo o espazo para que poidan circular os vehículos
Trabada, 22 de xullo de 2025. A piques de rematar o mes de xullo a Deputación de Lugo aínda ten pendente iniciar os desbroces das estradas provinciais en Trabada, “unha falta total de mantemento que pon en risco a seguridade dos usuarios destas estradas” xa que a vexetación invade a calzada en numerosos puntos.
O deputado provincial e voceiro do PP en Trabada, José María Fernández, insta a PSOE e BNG a iniciar de inmediato estes traballos de roza da vexetación xa que “o que están a demostrar é “unha deficiente xestión que provoca que se poña en risco a todos os usuarios destas estradas xa que a maleza invade a estrada e diminúe o espazo para que os vehículos poidan circular”.
José María Fernández pon como exemplo a estrada provincial LU-P- 6103, que une Trabada e Barreiros pasando por Fornea. Nesta estrada a vexetación cubre por completos os arcenes, invadindo xa a calzada e tapando por completo a maior parte da sinalización vertical.
“Estase a transmitir unha imaxe moi mala, de abandono por parte de PSOE e BNG que ao manter esta situación semella non importarlles que se poña en risco a seguridade no municipio”, lamentou.
Esta situación é moi preocupante entre os veciños de Trabada, un municipio que conta cun importante movemento de maquinaria agrícola, polo que “ao reducirse a visibilidade aumenta notablemente o risco de accidentes”.
Ademais da limpeza é necesario realizar o reasfaltado e repintado das estradas xa que “en moitos puntos non se ven nin os carrís de circulación”, un perigo maior en Trabada xa que é un municipio que ve como moitos días ao ano hai néboa, “o que dificulta aínda máis a visibilidade”.