Burela, 23 de xullo, 2025. Desde OPP Porto de Burela agradécese ao ministro Luis Planas que, en nome do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Reino de España, decidise recorrer a Sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea do 11 de xuño, na que se desestimaron os argumentos dos recursos presentados polo propio Reino de España e a OPP Burela, coa Xunta de Galicia como coadxuvante.
Esa sentenza desestimou os argumentos presentados desde España, tanto por administración como sector, en canto á desproporción provocada polo Regulamento de Execución 2022/1614, que aplica unha única metodoloxía para todas as artes de pesca, sen ter en conta o seu impacto real e diferenciado (do 16.500 km2 pechados á pesca, un 32% son zonas de posibles VMEs a protexer e o 68% restante é por usar o modelo do arrastre a todas as artes de pesca), e a falta de estudos de impacto socioeconómico sobre cada arte de pesca (impacto media de -32% do volume pescada pico por barco). Ambos os argumentos xa foran advertidos polos principais organismos asesores da Comisión Europea, como ICES e STEFC, debido á falta de datos e de estudos diferenciados por modalidades de pesca.
Este recurso de casación presentado agora polo estado español permitirá a todas as partes (Xunta de Galicia e OPP Burela) seguir participando no procedemento xudicial ata o final do mesmo, defendendo os argumentos que entendemos que o Tribunal Xeral non interpretou adecuadamente.
Por último, desde o porto de Burela ponse en valor a intensa colaboración das 3 partes (Ministerio, Xunta e OPP Burela) nos estudos e argumentos de defensa, asumindo o compromiso de seguir traballando na mellora dunha normativa que consideramos foi desproporcionada.