Ribadeo, 10 de xullo de 2025. Do 14 ao 18 de agosto Ribadeo acollerá unha xuntanza do proxecto europeo Theide, que coordina Apaga. Asistirán 15 profesores procedentes de países como Turquía, Croacia, Italia e Portugal.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, contou que “a vindeira semana teremos aquí en Ribadeo unha xuntanza cos nosos socios europeos do proxecto Theide, relativo á utilización do hidróxeno nos vehículos, que estamos xa rematando, porque termina o 30 de agosto. Vamos acoller na reunión a socios de Turquía, de Croacia, de Italia e de Portugal. Vamos traballar sobre o proxecto, van ser xornadas pola mañá técnicas e pola tarde haberá unha serie de actividades de tipo cultural, como a subida en barca hasta a Ría de Abres, unha visita a Taramundi, ao Museo do Mar de San Ciprián, a Sargadelos e á praia das Catedrais, en Ribadeo”.
Álvaro Doural dixo que “contempla todo a parte cultural e a técnica do proxecto. Se fixeron toda unha serie de unidades didácticas para traballar nos centros de formación profesional. A parte diso, cada socio instalou no seu centro unha hidroxenera, coa que van traballar os alumnos nas próximas xeracións que vaian a eses centros. Tamén vamos contar cunha ponencia da empresa Ajusa, que é unha empresa española que se dedica a construír hidroxeneras. É unha firma moi importante que desenrola todo este tipo de tecnoloxías sobre hidróxeno”.
Doural subliñou que “todos os materiais que se están elaborando van estar na nosa páxina web www.apaga.es, de forma gratuíta. Calquera pode entrar e descargalos”.
Alumnado portugués
As actividades de Apaga tamén inclúen prácticas de alumnado de socios de centros europeos en Ribadeo e na súa contorna: “este domingo, 13 de xullo, chegará un grupo de alumnos portugueses de Lisboa, que van estar aquí un mes. Unha parte formaranse nas instalacións de Gondán, os de mecatrónica e sistemas de comunicación, e o resto noutras empresas de Ribadeo. Son 9 alumnos. Con esta visita rematará o proceso de acollida deste curso. Hai que lembrar que aquí tivemos a 45 alumnos de Italia e que unha das funcións que a nosa asociación está a desenvolver desde hai varios anos é a acollida de alumnado en empresas da zona situadas en Ribadeo, Vegadeo, Barreiros ou Foz”.
Fórum en agosto
Apaga traballa tamén na décimo cuarta edición do Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que terá lugar do 27 ao 29 de agosto, e na segunda edición da Feira do Automóbil: “o Fórum terá un potencial destacado das empresas que normalmente colaboran con nós. E tamén terán unha cabida importante no tema de internacionalización tanto os socios europeos como os socios de Hispanoamérica. Neste caso, un enxeñeiro da Universidade de Bogotá estará con nós nesa semana”.