O dispositivo ofrece información ambiental en tempo real e forma parte da rede impulsada pola Xunta a través de Meteogalicia
Cervo, 23 de xullo do 2025. O Concello de Cervo vén de incorporar unha nova pantalla dixital de información meteorolóxica e ambiental, situada na rúa Beiramar, ao carón da Praza dos Campos, en San Cibrao.
A súa instalación foi posible grazas a unha solicitude realizada polo propio Concello á Xunta de Galicia, que impulsou esta actuación a través da Consellería de Medio Ambiente, en colaboración con Meteogalicia.
Este dispositivo ofrece información en tempo real adaptada ás características específicas da localización. No caso de zonas costeiras como San Cibrao, a pantalla amosa datos de interese como a temperatura da auga, o estado do mar, as ondas ou as mareas, ademais das predicións meteorolóxicas habituais. Tamén conta cun apartado destacado para avisos ante posibles fenómenos meteorolóxicos extremos e información sobre a calidade do aire, especialmente útil para a prevención e concienciación ambiental.
O modelo de información que se presenta na pantalla está deseñado por Meteogalicia para adaptarse tanto ao tipo de contorno (costa ou interior) como á estación do ano, ofrecendo contidos diferentes segundo sexa verán ou inverno, sempre con criterios técnicos rigorosos e actualizados.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, agradeceu á Xunta de Galicia a instalación deste recurso e destacou que “se trata dunha ferramenta útil, tanto para os veciños como para os visitantes, que ofrece información ambiental fiable e en tempo real, reforzando a seguridade e a planificación das actividades ao aire libre na nosa contorna.