O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde, Rubén García Freije, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio polo que a institución provincial colabora co Concello mariñán para acometer diferentes investimentos en servizos sociais ou mobilidade
Lugo, 21 de agosto de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 250.000€ ao Concello para acometer diferentes investimentos relacionados cos servizos sociais ou a mellora da mobilidade.
Trabada poderá levar a cabo, con cargo a este orzamento, a mellora de dous centros sociais e a urbanización e os accesos doutro que dan servizo de xeito conxunto a case 200 veciños a veciñas. No de Vilaformán as obras que consistirán na mellora da envolvente coa reparación de fendas, impermeabilización da cornixa e reforzo do revestimento cunha capa seladora e pintura plástica; ademais instalaranse canlóns e baixantes. No de Vilapena os traballos consistirán na demolición parcial do edificio, ampliación da explanada, renovación do peche, da envolvente e do revestimento interior. E no da parroquia da Fórnea a actuación centrarase na ampliación da explanada ao redor do centro social para aproveitar o espazo existente nas datas de festa e reunións veciñais.
Renovará ademais o parque infantil desa parroquia da Fórnea. O Concello financiará grazas a este investimento da Deputación uns traballos que consistirán no desbroce e limpeza do terreo e renovación dos xogos e do caucho do terreo.
Este convenio recolle tamén dúas actuacións para mellorar diferentes accesos en Sante, nos lugares de Louro e Vilarbetote. No primeiro, rehabilitarase o firme en máis de medio quilómetro de vía e no segundo acondicionaranse un total de dous camiños e catro ramais que suman un total de 1,4 quilómetros.