Ribadeo, 27 de agosto de 2025. En setembro darán comezo as obras de mellora do pavillón da rúa Alfredo Deaño. O orzamento ascende a 185.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “comezan no próximo mes as obras do pavillón que está situado na rúa Alfredo de Año. Un pavillón que certamente leva moito tempo abandonado, é dicir hai unha falta de conservación que nos trouxo a que chova máis no pavillón dentro que fora. Literalmente así, moitas entidades deportivas que practican deporte aí, levan sufrindo moitísimos anos un certo abandono, porque o pavillón non está en moi boas condicións. Xa non é soamente que chova dentro, é que as instalacións están completamente abandonadas. Que fixemos durante este tempo? Falar coas entidades deportivas, detectar todas as problemáticas e as deficiencias que tiña o pavillón, poñernos a xestionar orzamento e agora xa licitada a obra vamos empezar no mes de setembro”.
O rexedor subliñou que “o que imos facer é mellorar toda a cuberta e así non ter goteiras, mellorar tamén toda a cristalería rota e as instalacións que están dentro, que están completamente abandonadas e outras cheas de silvas, literalmente silvas e tamén mellorar o que ven sendo todo o entorno e eliminar esas pintadas que non locen no pavillón. Imos mellorar tamén a instalación onde está Amigos da Gaita, que tamén hai goteiras, e con isto o que queremos é ter unha instalación en perfectas condicións para a práctica de deporte e tamén para a asociación Amigos da Gaita, que teñen alí a súa sede. Son 185.000 euros de inversión para mellorar todo un espazo deportivo e cultural”.
As instalacións foron visitadas polo alcalde, Dani Vega, e polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.