Os galardóns entregaranse oficialmente na próxima edición da Mostra
Cariño, 19 de agosto, 2025. A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño pechou oficialmente o sábado 9 de agosto cun gran éxito de participación, logo dunha semana marcada pola emoción e pola calidade das propostas escénicas que encheron o Auditorio Municipal durante toda unha semana.
Logo de baixar o pano, aínda quedaba por coñecer un dos momentos máis agardados: o resultado das votacións do público. Como en cada edición, as persoas asistentes exerceron de xurado popular, valorando as dez representacións programadas cunha puntuación de 1 a 5. As máis destacadas en cada categoría foron recoñecidas cos Premios do Público 2025.
Na categoría Premio Público Adulto, o Grupo Chévere resultou gañador coa súa obra ‘As Fillas Bravas de Momán 2025’, que acadou un total de 520 puntos. Este novo recoñecemento supón unha repetición do éxito acadado en 2024, cando esta mesma compañía tamén se fixo co premio grazas a ‘As Fillas Bravas e o mito de Casandra’, recolléndoo nesta última edición.
Por outra banda, o Premio Público Infantil 2025 recaeu na Compañía Píscore, que sumou 684 puntos coa súa proposta ‘Molto Barroco’. Con este galardón, Píscore colle o relevo de Baobab Teatro, vencedor na edición anterior con ‘Ás para Álex’.
Tal e como marca a tradición, os dous premios serán entregados oficialmente durante a próxima edición da Mostra, a XLVIII, que terá lugar no verán de 2026 no Concello de Cariño.