Barreiros, 1 de setembro de 2025. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, achegouse na tarde de onte ata o posto central de socorrismo en Coto para felicitar ás e aos socorristas polo traballo desenvolto neste verán.
Rematado o mes de agosto, o persoal do servizo comeza a disfrutar dos correspondentes días de vacacións, polo que a atención presencial nos areais irase retirando paulatinamente; cuestión que se sinalizará debidamente nas entradas das praias.
A rexedora valorou moi positivamente o funcionamento deste servizo, nun verán con moi poucas intervencións e practicamente ningunha de importancia, pechándose unha tempada de gran afluencia nas praias cun resultado moi positivo.
Ana Ermida, xunto co coordinador, David Becerra, agradeceron ao persoal a implicación e a responsabilidade no desenvolvemento do seu traballo que chega ao seu fin cun moi bo sabor de boca.
Finalización servizo socorrismo:
Praia A Pasada: último día o xoves 4 de setembro
Altar e Lóngara: último día venres 5 de setembro
Fin de semana 6 e 7: contarán con servizo de socorrismo Fontela e Coto. Máis asistencia da moto de auga.
Do 8 ao 14 de setembro: quedará un retén para peche do servizo