Estabilizados ou extinguidos os lumes que queimaron o rural de Valdeorras, Pobra de Brollón, Terra de Monterrei, Maceda, O Bolo, Chandrexa de Queixa e outras áreas galegas chega o tempo de contabilizarmos os danos, planificarmos a reconstrución e-tamén, sen dúbida ningunha-, o tempo de lle reclamar ao Goberno galego, responsábel desta catástrofe, as súas responsabilidades.
Neste senso, nas dúas últimas semanas desenvolvín nestas mesmas páxinas relatorios onde denunciaba as eivas da dirección política da Xunta ao longo dos 16 anos de gobernos de Núñez Feijóo e Rueda nos eidos da prevención, da extinción e da comunicación dos incendios, amosando os graves erros da devandita dirección política.
Porén, a análise demorada das políticas públicas dos gobernos do PPdeG dende abril de 2009 amosan algo que vai moito máis aló dos erros graves na xestión e planificación destas políticas públicas. Os populares, como ven de denunciar publicamente o director xeral de Montes (2005-2009) do pasado goberno de coalición Alberte Blanco (BNG) axiña desmontaron pezas fundamentais da lexislación promulgada pola entón maioría parlamentaria BNG-PSdeG, como foi a franxa de protección de 125/100 mts para núcleos de poboación e infraestruturas, rebaixada por Feijóo a 50 mts. ou a ferramenta indispensábel de xestión do minifundismo forestal, as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR). Tamén flexibilizaron o control anterior do crecente monocultivo do eucalipto. O orzamento de prevención diminuíu un 5% dende 2008, mentres o de extinción medraba nun 89%, só que cada vez máis privatizado canto á súa xestión.
O problema xa non e só de xestión desaquelada ou neglixente. É de desleixo polo territorio, dunha evidente falla, non só de plans e solucións, senón de sensibilidade. O Goberno galego asume como vectores da súa política no medio rural os mesmos que ven de presentar Núñez Feijóo como receita recentralizadora do PP para o conxunto do Estado: os proxectos eólicos e mineiros e a maximización extrativista da facturación para ENCE, NAVIGATOR ou, seica pasado mañá, ALTRI.
Velaí a chave deste setembro político que está a debutar: a oposición parlamentaria do BNG e, nunha segunda liña, do PSdeG, vai esixir, canda a dimisión do Goberno, a fonda remuda dunha política agroforestal que esfarela e empobrece o país e semella atender máis as requirimentos de multinacionais e grandes empresas privadas estatais ca as necesidades da veciñanza e do territorio. E as conexións entre neglixencias, complicidades e desleixos van apuntar por forza ao proxecto de ALTRI, á subordinación do medio rural á minaría e macroprodución eólica e ao fomento pasivo do abandono do rural recortando os servizos públicos no seu ámbito. Non nos trabuquemos, axiña vaise xogar tanto a lexislatura como a posibilidade real de remuda política no 2028.
E que ninguén ofreza unha inviábel e desaquelada recentralización competencial como solución. Galicia sempre poderá pedir ou fornecer de axuda a outros países e territorios nas emerxencias. Mais para amañar o noso problema territorial, para definir o noso futuro, para previr e extinguir os nosos lumes, as solucións han ser as que nos decidamos. Na recentralización que ofrece Núñez Feijóo latexa a intención de obrigarmos a todos os territorios a achantar coas súas solucións, que transitan por elixir ás empresas da súa corda para obter os rendementos destas catástrofes públicas.