O obxectivo é que o novo instrumento, que orientará as accións de conservación e desenvolvemento sostible deste territorio na próxima década, estea listo en 2026
Ribadeo, 9 de setembro de 2025. Galicia e Asturias impulsarán este ano os traballos técnicos de actualización do Plan de xestión da Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón para aglutinar as accións de conservación e desenvolvemento sostible do territorio a executar na próxima década.
Así o acordaron os membros da Comisión de Coordinación Institucional que se encarga de coordinar a xestión deste espazo, reunida esta mañá en Ribadeo e que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
Con este novo Plan daráselle continuidade ao instrumento planificador deseñado co mesmo fin no ano 2016 e en vigor desde 2017, polo que o obxectivo é telo listo e aprobado en 2026, cunha vixencia de 10 anos.
Neste sentido, Marisol Díaz salientou a importancia de actualizar o principal instrumento de xestión da Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón para poder continuar co traballo realizado neste territorio a cabalo entre Galicia e Asturias nos últimos anos, cun total de 1,34 millóns de euros mobilizados tanto con actuacións directas executadas na parte galega deste espazo como a través das sucesivas convocatorias de axudas para proxectos en Rede Natura 2000 e en Reservas de Biosfera.
A modo de exemplo, entre as medidas acometidas máis recentemente, a directora xeral referiuse ao Proxecto de recuperación do río Eo, cun orzamento de case 500.000 euros financiado con fondos europeos do programa NextGenerationUE e iniciado a mediados do ano 2022 co obxectivo de intervir nun tramo de preto de 26 km para mellorar o estado de conservación dunhas 84 hectáreas deste corredor ecolóxico, que separa de forma natural Galicia e Asturias.
Cómpre lembrar que a Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón, declarada o 19 de xuño de 2007, é unha das dúas de xestión compartida que ten a comunidade, e conta con numerosos espazos incluídos en Rede Natura 2000 —tres Zonas de Especial Conservación para as Aves (ZEPA) e nove Zonas de Especial Conservación (ZEC)— ademais dun humidal de importancia internacional e dous monumentos naturais.
Dentro do seu territorio é posible identificar un total de 41 tipos de hábitats de interese comunitario, dos que 11 son considerados prioritarios, centrados fundamentalmente nos ecosistemas dunares, as matogueiras costeiras, zonas húmidas continentais e bosques ligados a medios húmidos.
Cun total de 159.379 ha, incluíndo unha pequena superficie de augas mariñas adxacente ao estuario do Eo, a área que conforma a reserva se vertebra a través da cunca fluvial do río, abarcando dende o seu nacemento en Fonteo (municipio de Baleira, Lugo), ata a súa desembocadura no Cantábrico e abrangue 14 municipios (7 lucenses e 7 asturianos).