Iria Cotelo: “Denegar por cuarta vez a información fai pensar que non se quere falar por algún motivo, o que non sabemos é cal”
Viveiro, 16 de setembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego lamenta profundamente que a alcaldesa de Viveiro veña de denegar a celebración dun pleno extraordinario solicitado polos grupos do BNG e do PSOE para informar sobre o vertido de purín acontecido no mes de xuño, que xerou unha importante preocupación social e ambiental no concello.
A voceira municipal do BNG, Iria Cotelo, criticou a falta de transparencia do goberno local e acusou á alcaldesa de negarse reiteradamente a dar explicacións públicas:
“Non se comprende que saia publicamente dicindo que vai convocar o pleno aínda que non reúna os requisitos, e días despois nos chamen dende secretaría dicindo que se denega. É un xesto covarde da alcaldesa que xera máis dúbidas ca certezas”.
Desde o BNG denuncian que esta é a cuarta vez que se impide o acceso á información sobre este asunto. Segundo informou a secretaría, irá como punto na orde do día do pleno de outubro “A pleno ordinario xa foi —afirma Cotelo—. Teremos que agardar a outubro para ver se a alcaldesa vai falar de verdade, ou se imos atopar máis do mesmo”
A formación nacionalista considera inadmisible que a corporación teña que informarse a través dos medios de comunicación, sen que o goberno municipal ofreza unha explicación institucional completa:
“Se non ten aínda os informes técnicos ou xurídicos, o lóxico sería que diga o que sabe ata agora. Enterarnos polos medios é un exemplo de nulo respecto institucional”.
Desde o Bloque insisten en que o seu obxectivo sempre foi aclarar os feitos e garantir que se actúe con responsabilidade, sen dar lugar a sospeitas.
“A alcaldesa ten potestade para convocar unha reunión de voceiros, para celebrar un pleno extraordinario, para convocar unha comparecencia da alcaldía… ten ferramentas abondo se realmente tivera intención de ser transparente coa corporación e coa cidadanía, e máis cando @s concelleir@s estamos dispostos a renunciar á retribución por asistencia”, declara Cotelo, e afirma que “Nun primeiro momento non pensabamos que houbera nada que ocultar, pero xa non é tan só que pasados 3 meses aínda non informara… é que cando chega a denegar esa información ata 4 veces fai pensar que non quere falar por algún motivo, o que non sabemos é cal”
O BNG seguirá reclamando transparencia, responsabilidades e información pública sobre este suceso.