Viveiro, 8 de setembro, 2025. O grupo municipal socialista, unha vez rematadas as festas patronais de Viveiro 2025, quere trasladar en primeiro lugar o seu recoñecemento á gran labor da Comisión de Festas, “á que aplaudimos polo esforzo e dedicación demostrados. Consideramos que as festas foron boas e que moitos dos actos organizados directamente polo Concello tiveron continuidade respecto de edicións anteriores, cando o goberno era socialista”.
“Non obstante, queremos solicitar información concreta sobre varios aspectos”:
1. Canto aportou o Concello ás festas patronais deste ano, diferenciando entre as achegas feitas directamente á Comisión de Festas (subvención) e os pagos realizados polo propio Concello.
2. A que se vai destinar exactamente a subvención recibida da Xunta de Galicia, tanto a de promoción turística (145.000 €) como outras cantidades adicionais que se teñan concedido.
3. Despois de recibir ditas subvención por que razón algúns grupos locais non participaron nas festas, logo de que o propio Goberno Municipal lles trasladase que non existía partida económica para contar con eles.
“Por todo isto, rogamos ao equipo de goberno que nos informe con transparencia e detalle sobre as achegas económicas do Concello ás festas patronais de 2025, así como da aplicación concreta das subvencións concedidas pola Xunta de Galicia”.
OCUPACIÓN DA EXPLANADA DO MUELLE DE VIVEIRO, DE DOMINIO DE PORTOS DE GALICIA
En relación coa ocupación da explanada do peirao de Viveiro, de dominio público de Portos de Galicia, durante as festas de San Roque.
En mandatos anteriores, cando empresas de carruseis ou outras instalacións solicitaban situarse neste espazo, Portos de Galicia establecía que debía ser o Concello quen asumise a solicitude e quen aboase as taxas correspondentes pola ocupación. Os técnicos xurídicos municipais consideraban que isto supuña asumir unhas responsabilidades que non lle correspondían ao Concello.
Este ano, constatouse a presenza de atraccións no devandito espazo, coincidindo coa existencia dunha comisión de festas, feito que valoramos positivamente. Sen embargo, “rogamos ao equipo de goberno que nos informe con claridade se foi o Concello quen solicitou a ocupación do muelle e quen pagou as taxas correspondentes, e, no caso de que así fose, cal foi a contía exacta desas taxas”.
LIMPEZA DO REGO DO MARTELO OU PONTIGA EN AREA
Por outra banda, “o noso grupo municipal quere chamar a atención sobre o estado lamentable no que se atopa o rego Martelo (ou pontiga), convertido nun auténtico canaveiral que sobrepasa a altura dos muros do paseo, no que xa nin sequera se distingue o propio curso da auga, sobre todo dende a estrada ata o final do seu cauce”.
“Durante o anterior mandato existían carteis que explicaban as razóns polas que non se podía proceder á súa limpeza, sinalando as trabas impostas por augas de Galicia pertencente á Xunta. Actualmente, eses carteis xa non existen, xa que foron retirados, e a veciñanza descoñece cal é a situación real: ¿quen queda en evidencia ante a cidadanía, a Xunta de Galicia ou o Concello de Viveiro?”.
“O certo é que, de cara ao inverno, e co risco de inundacións na estrada que todos coñecemos, sería imprescindible actuar sobre este regato e acometer os traballos de limpeza necesarios”.
“Por todo o anterior, rogamos ao equipo de goberno que nos informe con claridade cal é a situación deste regato, que xestións se realizaron coa Xunta de Galicia para a súa limpeza e que medidas se teñen previsto levar a cabo para garantir a seguridade de vehículos e viandantes, ante posibles enchentes”.