Na parte declarativa abordarase unha moción do BNG para o impulso do “Espazo Xove”
Viveiro, 9 de setembro de 2025. O Salón de Sesións da Casa do Concello de Viveiro acollerá o mércores 10 de setembro, ás 19.30 horas, un pleno ordinario da Corporación Municipal.
Na parte resolutiva abordarase a aprobación da acta da sesión anterior e a toma de posesión do novo concelleiro Severino Salgueiro Rodríguez, así como o cambio de titularidade ou renovacións de concesións do cemiterio municipal. Tamén se tratarán a tramitación do expediente de expropiación forzosa da Xunqueira, a corrección de erros na plantilla de persoal 2025 e un recoñecemento extraxudicial de crédito.
Na parte declarativa someterase a debate unha moción do Grupo Municipal do BNG, relativa ao impulso do “Espazo Xove” de Viveiro e á creación dun pequeno auditorio ao aire libre nas pistas.
A sesión pecharase coa parte de control, que inclúe a dación de conta das resolucións da Alcaldía, o informe económico correspondente ao segundo trimestre de 2025 —referido á estabilidade orzamentaria, período medio de pago e morosidade—, e a quenda de rogos e preguntas por parte dos membros da Corporación.