Xove, 3 de outubro, 2025. A empresa Saiju S.L. foi a encargada de realizar unhas obras de acondicionamento e mellora dunha instalación municipal situada na parroquia de A Rigueira, no concello de Xove, que fai a función de Centro Social no lugar das Gulpilleiras.
Ata o momento a fachada principal da edificación presentaba abundantes patoloxías constructivas como desconchados, humidades e manchas permanentes, e polo tanto precisaba dunha renovación urxente do remate exterior das fachadas (paramentos cegos), posto que supoñía un impacto paisaxístico importante como consecuencia dun deficiente estado de conservación da tonalidade e da intensidade da actual cor da fachada, así como abundantes deficiencias no interior do local provocadas pola entrada de humidade.
Deste xeito foi necesario o tratamento da fachada da edificación destinada a Centro Sociocultural coas obras de pintado que se executaron, e que a súa vez fan de tratamento impermeabilizante, xa que se mellorou a estética xeral exterior da edificación e se melloraron as condicións da habitabilidade interior da mesma.
O importe das obras a executar foi de 24.805,00 €, sendo financiado da seguinte maneira: o 70% desa cantidade foron sufragados dentro dunha liña de subvencións da Xunta de Galicia para correcións de impactos paisaxísticos a través do Insituto de Estudos do Territorio e o 30% restante foron con aportación das arcas municipais.