Vimos de pasar un Nadal especialmente insólito e preocupante en Ribadeo no eido sanitario. Xustamente cando aumentaban as infeccións respiratorias propias do inverno e a demanda asistencial se vía incrementada, o cadro médico do noso centro de saúde quedaba reducido a mínimos. Tendo en conta que xa nos mellores meses do ano estaba ao 50%, poden imaxinarse que os mínimos foron desta volta preocupantemente mínimos.
Probablemente non lles pasaría a vostedes inadvertida esta situación, xa que quen máis quen menos tería que abrir a aplicación do Sergas para pedir cita e se atoparía con que a 23 de decembro non podía conseguir vez co seu médico (ou con outro) até mediados de xaneiro.
Con este panorama no dixital, o lóxico é que pasasen vostedes polo centro de saúde ou intentasen pedir cita por teléfono. Se tiveron sorte e pertencen a algún dos cupos médicos que aínda contan con facultativa (tres ou catro de oito) conseguirían unha cita. Pero o máis probable é que escoitasen vostedes o seguinte: que só hai un médico para todo Ribadeo na quenda da mañá.
Esta situación repetiuse varios días e as veciñas e veciños que precisaban de atención médica estiveron obrigadas a esperar pacientemente a que o desbordado profesional puidese atendelos. Un só médico para todo Ribadeo na quenda da mañá! Atreveríame a dicir que batemos o noso récord de penosidade.
Mentres tanto, o noso alcalde, Dani Vega, co peito inchado de satisfacción e servilismo trasnoitado tiraba fotos co Conselleiro de Sanidade nos verdes pastos que albergarán o futuro centro de saúde. Nin unha soa palabra da nefasta situación que se vivía neses días no centro actual, nin unha explicación, nin unha solución. Para que? Agora toca vender metros cadrados de consultas, que ao paso que imos van estar baleiras, e anunciar servizos que xa existen dende hai anos. E mentres anunciamos infraestruturas, a ver se hai sorte e vai pasando o temporal.
Dirán os desconfiados que agora os do BNG non queren o centro de saúde porque non gobernan. Aclararemos que nada máis lonxe da realidade. Benvidas sexan sempre as inversións e melloras para Ribadeo. Pero non sería mellor comezar a casa polo chan e non polo tellado? Para o grupo municipal do BNG a prioridade foi e será sempre que se garanta unha atención primaria universal e de calidade. No centro da vila ou nas aforas, o imprescindible é ter persoal sanitario que nos atenda, que nos realice un seguimento axeitado, e, se non fose moito pedir que non estea desbordado atendendo o dobre ou o triple de pacientes dos que debería.
Agora virán de novo os mantras xa coñecidos de “non hai médicos”, “a atención sanitaria está garantida” e “o único que fan vostedes é xerar alarma e preocupación na poboación”. Frases con cheirume a excusas baratas de mal pagador. A estas alturas xa a ninguén lle pasa inadvertido que os “esforzos” que fan dende a consellería de sanidade por cubrir xubilacións e baixas son totalmente estériles. Así que, ou ben se comezan a esforzar un pouco máis en serio ou nos deixan de mentir á cara.
Faltan médicos en Ribadeo, pero tamén en Trabada, en Foz, en Viveiro, no Vicedo… así como en moitos outros concellos de Galiza. De verdade temos que crer que isto é só unha desafortunada broma do destino? O deterioro da atención primaria foise fraguando durante moitos anos con recortes, infradotación orzamentaria, maltrato sistemático ao personal e falta de previsión real das necesidades dos centros de saúde. Agora vemos as consecuencias e a solución obrigatoriamente será complexa. Precísase de políticas que aposten claramente polo público, que blinden a atención primaria como a base que é do sistema sanitario; pero, sobre todo, precísase vontade. E, porén, o que estamos a ver é o incremento constante de orzamento cara a concertos coa sanidade privada e amagos de parches para a atención primaria que se tornan insuficientes á vista dos resultados. Con esta perspectiva en constante deterioro cada vez será máis difícil atopar quen se queira dedicar á medicina comunitaria.
A poboación fai ben en estar preocupada pola situación da sanidade en Ribadeo.
E ben se deitará de que a veciñanza ribadense, e tamén o BNG, continúen a reivindicar, e non se cansen de pedir a atención sanitaria básica que a ninguén lle tiñan que ter roubado.
Raquel Ferreira, concelleira do BNG de Ribadeo




















López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



