O senador José Manuel Balseiro defenderá unha iniciativa este martes na Comisión de Transformación Dixital do Senado
Lugo, 17 de maio de 2026. O PP volve denunciar no Senado os problemas de conectividade na provincia de Lugo a través dunha moción que será debatida o vindeiro martes na Comisión de Transformación Dixital do Senado e que pon o foco na situación de “apagón dixital” que continúan sufrindo milleiros de fogares do rural lucense.
O senador do Partido Popular José Manuel Balseiro advirte de que “falar de conectividade no rural non é falar só de tecnoloxía, senón de igualdade de oportunidades e de xustiza territorial”, denunciando que a provincia de Lugo segue acumulando graves carencias en cobertura móbil, acceso á banda larga e conexión a internet.
Segundo defende o representante popular, “mentres o Goberno presume dunha España altamente conectada, a realidade é que miles de veciños continúan sen fibra óptica, con cobertura deficiente ou directamente sen acceso estable á telefonía e internet”. Neste sentido, lembra que preto de 30.000 fogares da provincia seguen sen unha conexión digna en pleno ano 2026.
A iniciativa do PP critica especialmente os resultados do denominado Plan ÚNICO, impulsado polo Goberno central para reducir a fenda dixital, e que os populares consideran “un exemplo evidente do fracaso das políticas estatais de conectividade rural”. Entre os problemas sinalados figuran fondos sen executar, operadores en concurso de acredores, falta de información aos veciños e ausencia de coordinación administrativa.
Balseiro insiste en que “non faltan recursos, faltan resultados”, e reclama unha avaliación rigorosa e transparente das políticas públicas desenvolvidas nesta materia, así como unha revisión do modelo actual para garantir que as infraestruturas cheguen realmente ás zonas máis illadas.
A moción presentada polo Grupo Popular tamén propón medidas concretas, como redeseñar as políticas de conectividade, reforzar a coordinación entre administracións, impulsar plans específicos para os núcleos máis dispersos e recoñecer a telefonía móbil e de datos como servizo universal.
O senador popular advirte ademais de que a situación segue sendo especialmente preocupante en numerosos concellos da provincia. Entre eles, cita municipios con cobertura 5G nula, como Muras, Negueira de Muñiz e Folgoso do Courel, así como diferentes zonas da Montaña, A Chaira, A Mariña ou da comarca sur lucense onde os veciños continúan denunciando problemas de conexión móbil e acceso á banda larga.
“Lugo non necesita propaganda; necesita cobertura, fibra e futuro”, defende Balseiro, quen reivindica que vivir no rural non pode supoñer renunciar aos mesmos dereitos e oportunidades que existen nas cidades.


















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



