Lugo, 30 de abril de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu conta esta mañá de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de autorizar dúas iniciativas para o fomento do turismo e a conservación da natureza no concello de Ribadeo, que se engaden a outras para a práctica de actividades deportivas.
Rodríguez explicou que o Boletín Oficial do Estado publica no seu número de hoxe un anuncio do Servizo Provincial de Costas no que se informa do outorgamento de concesión de dominio público marítimo-terrestre con destino á instalación dunha caseta municipal de turismo na praia das Catedrais. A superficie afectada é de 5,5 metros cadrados e a concesión faise por 15 anos prorrogable ata un máximo de 30.
Do mesmo xeito, Costas anuncia hoxe no BOE o outorgamento dunha concesión para que o Fondo para a Protección de Animais Salvaxes poida instalar un poste de madeira que servirá de sustento dun niño artificial con destino á recuperación da aguia pescadora na zona intermareal O Fondón, na Ría de Ribadeo. Neste caso, a superficie é de 1,13 metros cadrados e a concesión faise por 15 anos, prorrogables ata un máximo de 75.
Ademais, Costas autorizou en datas recentes a concesión da edificación coñecida como Casa das Algas, de aproximadamente 700 m2, para a práctica de actividades náutico-deportivas do Concello de Ribadeo. Dita edificación foi restaurada e posta en valor pola Dirección Xeral de Costas.
Asimesmo, con data 11 de abril Costas publicou no BOE a solicitude de concesión, na Praia dos Bloques, para a instalación dun circuito para a práctica da actividade deportiva de calistenia