Lugo, 14 de novembro de 2019. A Deputación de Lugo pon en marcha Prende! Bota raíces no rural, un novo proxecto para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia. O Presidente, José Tomé, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este xoves o plan de emprego, que conta cun orzamento de 300.000€, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.
“Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este novo programa que hoxe presentamos dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea”, subliñou o Presidente.
Prende! Bota raíces no rural conta con dúas fases, unha de formación teórica e outra de experiencia laboral. Na primeira parte, 60 mozos e mozas recibirá formación en catro actividades profesionais cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan cun gran potencial de crecemento:
– Enerxías renovables, unha formación que se impartirá na Mariña polas oportunidades do sector nesta comarca.
– Hostalería e turismo, formación que terá lugar na Ribeira Sacra ante o crecemento que está a vivir o sector na zona sur da provincia.
– Xestión Forestal, formación que será impartida na Montaña dado o peso específico do sector nesta zona.
– E Agricultura e Gandería, accións formativas que se desenvolverán na zona centro pola súa importante concentración de explotacións agrícolas e gandeiras.
As persoas interesadas nunha formación que non se desenvolva na súa zona poderán participar igualmente.
A maiores, tamén se ofrecerá unha acción formativa específica en autoemprego para aquelas persoas que queiran emprender o seu propio negocio.
A formación terá unha duración de catro semanas, período durante o que os participantes percibirán unha remuneración de case 14€ por día.
Experiencia laboral
Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.
Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
A quen vai dirixido
Prende! Bota raíces no rural está dirixido a un dos colectivos que o teñen máis difícil para encontrar un emprego: menores de 30 anos, desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou de entre 5.000 e 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo na última década. “Axudaremos así a combater o despoboamento precisamente naqueles concellos que máis o están a sufrir”, subliñou o Presidente da Deputación.
En concreto, os concellos dos que poden ser os beneficiarios son 55 dos 67 municipios da provincia, é dicir, o 82% do total. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.
Os outros 12 concellos teñen máis de 5.000 habitantes, por iso non entran neste programa.
A Deputación prevé, segundo explicou José Tomé, que as bases para apuntarse neste novo plan de emprego queden aprobadas a finais de mes e que o período de formación comece a principios de ano.
Reforzo das políticas de emprego
Este novo proxecto reforza as políticas de emprego que ten en marcha a Deputación. A día de hoxe, explicou o Presidente, “só en axudas á contratación, investimos 7,4 millóns de euros a través de tres programas que dan emprego a medio cento de persoas, o Ben Empregado, DepuEmprego e Tecendo Emprego. Ademais, como destacou José Tomé, a institución provincial mantén máis de 300 postos de traballo en toda a provincia, sobre todo no rural, co seu Sistema de Protección Social, do que forman parte os Centros de Atención a Mariores, o Servizo de Axuda no Fogar e a Teleasistencia Domiciliaria.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



