Cervo, 5 de maio de 2020. O BNG de Cervo, por medio dos seus portavoces municipais ández e Xorxe Caldeiro, cualificaron de moi mala noticia a decisión da Multinacional Alcoa de abandonar o mantemento de cubas electrolíticas, segundo afirmaron, pola baixada do prezo do aluminio a consecuencia da pandemia do Covid19, unha decisión que xa afecta a 43 traballadores en ERTE de empresas auxiliares encargadas do seu mantemento, mais que ameaza con incrementarse e ampliar os seus efectos nas empresas auxiliares e mesmo ao cadro de persoal da propia Alcoa. A formación nacionalista “demanda solucións que eviten unha escalada de ERTES e perdas de postos de traballo”. Asimesmo “cualificou de indecencia política a resposta da Xunta aos traballadores” ao optar por desentenderse do problema mentres fai escasos meses reclamaba responsabilidades a outros que hoxe non asume. Na mesma liña denunciaron “o clamoroso silencio do alcalde de Cervo, Alfonso Villares”, que participou activamente nunha campaña demandando futuro para a factoría sancibrense e hoxe cala cando a multinacional adopta decisións que xa afectan a 43 traballadores e augura un futuro incerto a moitos e moitas máis pola decisión da multinacional de reducir os investimentos na planta ubicada nos concellos de Xove e Cervo.
Alcoa tomou decisións gravísimas con consecuencias impredecíbeis.
Diego Fernández, portavoz municipal nacionalista, e ademais traballador e delegado sindical dunha das empresas afectadas, explicou que “nun contexto tan grave como o actual, co Covid19 levándose por diante vidas humanas, cun futuro económico incerto, despois de meses de mobilizacións defendendo a estabilidade industrial e o emprego na comarca, e por ende os intereses de Alcoa e as empresas auxiliares, é desolador ver como o pago da multinacional a tanto esforzo consiste en pechar cubas e o grifo do investimento para manter en pe a factoría que tan bos resultados económicos lle deu e lle segue dando”.
A actitude da Xunta de Galiza de lavarse as mans é indecente, falsa e irreal
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro fixeron un chamamento ás administracións para exercer a presión e facer as xestións necesarias que eviten o abandono e o peche anticipado da factoría, asímesmo chamaron a construír alternativas económicas e laborais no caso de que se manteñan as decisións que poñan en perigo máis postos de traballo na comarca. Neste sentido, afirmaron que a resposta da Xunta de Galiza ao Comité de Alcoa eludindo responsabilidades para volver a pedirllas ao goberno do Estado pola cuestión enerxética, e amais de indecente, falsa é irreal xa que o problema é de mercado, non enerxético, como argumentou a propia multinacional.
Alfonso Villares mantense nun clamoroso e miserábel silencio
Os portavoces nacionalistas cervenses igualmente chamaron a atención sobre “o clamoroso silencio do alcalde de Cervo, durante meses volcado nunha campaña na que non escatimou medios, mesmo públicos, para converterse no salvador da industria alumineira, e hoxe ante unha decisión tan negativa e con efectos tan inmediatos sobre traballadores con nomes e apelidos cala de xeito vergoñento e miserábel. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro agardan que o alcalde rectifique e asuma que a problemática que se abre hoxe, amais de afectar xa a tres empresas auxiliares e 43 traballadores en ERTE, pode converterse a medio prazo de mantérense as decisións da multinacional, nun problema moito máis grave.
O BNG Cervense rexistrou no concello a moción promovida pola Plataforma de empresas auxiliares para a que solicita o apoio da Corporación.
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro rexistraron no concello a solicitude de apoio da “Plataforma Coordinadora de Traballadores de Auxiliares” de Alcoa solicitando a súa inclusión na orde do dia do próximo pleno da Corporación, para a que piden apoio unánime.
Independentemente da grave situación pola que pasamos no ámbito sanitario, dende o BNG consideramos que non é de recibo a parálise institucional da Corporación, o alcalde non informa, non se puxo en contacto coa oposición no último mes e medio, situouse nunha actitude escapista que nos impide exercer o noso labor de control, denunciou Diego Fernández. O nacionalista agarda que o alcalde cambie esta actitude e acepte a celebración dunha Xunta de Portavoces que leve a celebración dun pleno onde se trate o novo e grave problema que se presenta en Alcoa e empresas auxiliares así como outros temas pendentes.
