Lugo, 30 de novembro de 2020. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este luns, nunha sesión extraordinaria, a extinción da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). “Hoxe é un bo día para a Deputación de Lugo, e, polo tanto, un bo día para os concellos, para o tecido económico e para os veciños e veciñas da provincia. Afortunadamente, xa non quedan chiringuitos na Deputación. Pechamos un capítulo que consolida a normalidade e a tranquilidade nesta institución, que será máis eficaz e máis útil para a cidadanía, e terá un maior control dos fondos públicos e maior transparencia”, subliñou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, manifestou que “este día non pode ser máis transparente, claro e cristalino, xa que diante de todas as persoas esta institución adopta esta decisión. A Deputación de Lugo xa non vai ter dor de cabeza por un organismo anacrónico debido ás alegrías políticas do PP, porque SUPLUSA chegou a onde chegou grazas a un circo inaceptable dos populares”.
“Foi un proceso impecable, con todos os informes técnicos favorables, en tempo récord -14 meses-, que garantiu todos os postos de traballo nas mesmas condicións e no que todas as decisión se tomaron por unanimidade, dende o principio ata hoxe, cando o PP decidiu romper o consenso”, explicou García Porto.
O acordo plenario aprobado hoxe inclúe dous puntos: un para aceptar a proposta da Comisión Liquidadora de extinguir SUPLUSA; e outro para aprobar a propia extinción de sociedade mercantil en función dos informes favorables dos técnicos da institución, co que iso leva consigo: a incorporación dos dereitos e obrigas da entidade na Deputación, a subrogación dos catro traballadores que quedan no sociedade, e, no referente aos convenios subscritos por SUPLUSA con diversos concellos, aterse ao disposto na Lei e no propio clausulado dos convenios. O primeiro dos puntos obtivo 13 votos a favor do PSdeG e do BNG e 12 abstencións do PPdeG e, pola súa banda, o segundo punto, obtivo 13 votos a favor dos socialistas e nacionalistas e 12 en contra dos populares.
Polo tanto, nunha actitude totalmente contraditoria, o Partido Popular abstívose na proposta da Comisión Liquidadora de extinguir SUPLUSA da que formaba parte propia formación política e, acto seguido, dixo non a que a Deputación extinga a sociedade conforme aos informes técnicos, todos favorables. “O intento de enredar, fóiselles das mans”, asegurou a voceira socialista sobre o comportamento dos populares, que participaron e apoiaron todas as decisións sobre SUPLUSA ata agora.
O Partido Popular votou a favor da disolución da sociedade mercantil no Pleno no que se iniciou o proceso, o día 12 de setembro do pasado ano, e mostrou o seu conforme coas decisións da Comisión Liquidadora asinando todas e cada unhas das actas das 30 reunións que mantivo este órgano. Tamén apoiou a proposta final da Comisión na que propón ó Pleno da Deputación a extinción de SUPLUSA.
O PP emendouse a si mesmo
“Por que o PP se emenda a si mesmo? Queren, agora, manchar o que foi un éxito rotundo, un proceso de liquidación impecable e de total consenso porque pretenden seguir agarrándose a SUPLUSA, que tantas alegrías lles deu, para seguir atacando ó Goberno. Pero este Goberno non llelo vai permitir. Xa non teñen chiringuitos para manipular. SUPLUSA acabouse. O pesadelo rematou”, recalcou Pilar García Porto.
A tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo incidiu en que coa extinción da sociedade mercantil “cumprimos un acordo de Goberno e un acordo do Pleno”. “Extinguimos unha sociedade que, se ben no seu día e durante moito tempo, foi útil a esta provincia, nos últimos anos converteuse nun problema grave ao actuar, non só á marxe da Deputación, senón indo en contra dela, a súa institución matriz e socia única. Polo tanto, deixou de ter sentido”, afirmou.
Como socia única e sucesora universal de SUPLUSA, a Deputación herda todos os seus dereitos e obrigas: Faise cargo dos bens inmobles de SUPLUSA, cun valor de taxación que ascende aos 14,3M€, e ingresará unha liquidez de 4,3M€, cantidade que pasará a un fondo para facer fronte ás responsabilidades e obrigas pendentes da sociedade mercantil e, si quedara algún, pasará a remanentes da Deputación do próximo exercicio económico.
Convenios para polígonos: o que diga a Lei e as cláusulas dos acordos
A Deputación asume a prestación do servizo en termos de urbanismo, que é o único que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se encargase á empresa pública TRAGSA o mantemento e conservación de zonas verdes.
Con respecto aos convenios de SUPLUSA con diversos Concellos da provincia, tal e como se aprobou no Pleno de hoxe seguindo o disposto nos informes técnicos, “a Deputación cumprirá co que di a Lei e co disposto no clausulado dos convenios. Iso é o que din que debemos facer os informes técnicos, e nós cumpriremos escrupulosamente coa Lei, aínda que ao Partido Popular non lle guste”, asegurou García Porto.
Mantéñense todos os postos de traballo, exactamente nas mesmas condicións
A Deputada reiterou así mesmo que, en todo o proceso para extinguir SUPLUSA, “cumprimos co compromiso deste Goberno de manter todos os postos de traballo, exactamente nas mesmas condicións, seguindo as indicacións dos informes de Recursos Humanos. Segundo o criterio dos técnicos, foi unha decisión tecnicamente impecable”.
En canto á compra dunha acción a Tragsa, que converteu a esta empresa pública en medio propio da Deputación, -algo que fixeron unha trintena de administracións en toda España, entre elas a Xunta de Galicia e as comunidades de Andalucía ou Murcia-, e o posterior encargo á mesma da conservación e mantemento de zonas verdes, Pilar García Porto reiterou que “hai un procedemento xudicial aberto polo Partido Popular, e non poden pretender agora preconstruír probas para logo tratar de invocalas en contra desta institución, a favor da súa estratexia persoal”.
Sobre o custe do mantemento e conservación das zonas verdes, a voceira socialista pediu ao PP que deixe de mentir porque a prestación do servizo con SUPLUSA costáballe á Deputación máis dun millón de euros ao ano, mentres que o encargo a TRAGSA ten un importe neste ano de 825.000€, polo tanto, é máis barato.