Á vista do artigo que asina hoxe venres o Sr. Balseiro na prensa, só se poden sacar dúas conclusións:
Ou fala doutra manifestación distinta á do pasado día 17 en Burela, ou esqueceuse de quitar os tapóns dos ouvidos esa mañá. Hai, incluso, unha terceira explicación, que podería ser que os puxese adrede ao saír da casa esa mañá.
A multitudinaria manifestación de Burela puxo o colofón a unha xornada de Folga Xeral que foi secundada polo inmensa maioría da poboación da Mariña. Non é preciso dar cifras. Son máis elocuentes as imaxes que vimos en directo e as que transmitiron tanto prensa como televisión. Tamén podemos concluír a intensidade do paro a nivel comarcal polos milleiros de mariñás e mariñáns que participaron da manifestación.
O lema da convocatoria da folga era inequívoco: “Futuro para A Mariña; Industria, Infraestruturas, Sanidade”. Nas múltiples intervencións previas ao 17N que fixemos os sindicatos convocantes en prensa, radio, televisións; nas múltiples reunións que levamos a cabo con alcaldes, alcaldesas, asociacións sectoriais e empresariais, con empresas e con traballadores e traballadoras en asembleas, e tamén nos milleiros de volantinas que repartimos, deixamos claro que esta era unha folga pola comarca, unha folga para exixirlle aos gobernos CENTRAL e da XUNTA un compromiso real coa comarca.
Pero, por se todo isto fora pouco, as consignas incesantemente coreadas polos/as manifestantes e mais as intervencións que fixemos os tres representantes dos sindicatos convocantes deixaron claro, unha vez máis, que esta era unha folga pola comarca.
Xa sabemos que Vestas e Alcoa son empresas moi importantes, que atravesan situacións moi delicadas ás que cómpre dar solucións (tamén desde ambos gobernos), pero ese NON ERA o obxectivo da folga. Reducir á convocatoria a estes dous conflitos é unha posición interesada que lle vai moi ben ao actual goberno da Xunta para seguir facendo o que mellor sabe facer: sinalar co dedo acusador a Madrid, mais sen asumir nin exercer as competencias das que dispón en materia de industria e de emprego, mentres afonda nos recortes dos servizos públicos e no desmantelamento da nosa sanidade. Esa sanidade pública da que a Xunta tamén ten competencias exclusivas.
Por que con esta folga exixíamos unha demostración palpable de que os gobernos, estatal e galego, deixaban dunha vez de ignorar a esta comarca e se poñían a traballar para asegura un futuro con inversións, infraestruturas, servizos, políticas que acheguen asentamento empresarial, emprego e calidade de vida á veciñanza. E esa implicación dos gobernos na comarca tiña que vir da man de feitos palpables, non de meras palabras. Tiña que vir con partidas especificas nos orzamentos da Xunta e do Estado.
Sr. Balseiro, como dicía ao principio, ou se equivocou de folga ou simplemente non quere, ou non pode, entender nada do que pasou ese día nin do que pasa nesta comarca. Está claro que sigue enrocado no seu discurso partidista, de defensa a ultranza do “seu goberno de turno”, postura que tanto dano fixo a esta comarca durante décadas, e que é a antítese da mensaxe que moveu a inmensa maioría da Mariña a secundar unha folga histórica e a participar dunha manifestación tamén histórica.
Mágoa que nin vostede, nin os seus ilustres acompañantes, non prestasen máis atención ese día, pois esta comarca precisa de todos e todas para saír adiante. Cousa que parece que vostedes non van facer e así o demostraron, apenas seis horas despois da manifestación, cando no Parlamento galego votaron en contra dunha iniciativa que pedía un Plan de Industrialización para A Mariña.
Así non Sr. Balseiro. A Mariña hai que defendela aquí, e fóra de aquí.





















A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.



