Destaca o fracaso do neoliberalismo para responder ós retos deste tempo: “Na pandemia vimos as consecuencias de poñer os intereses do mercado por riba dos intereses da xente”
Santiago de Compostela, 20 xaneiro 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ribadeo no ciclo de conferencias organizado polo foro Fundación Sargadelos no que explicou a análise que o BNG fai do actual contexto político, económico e social nunha intervención na que a líder nacionalista fixo unha clara defensa da intervención dos poderes públicos, sempre en clave galega e cando esa intervención estea encamiñada a favorecer ás maiores sociais e o interese xeral.
“Os poderes públicos deben intervir na economía ou deben absterse de facelo como piden os paladíns do libre mercado? Sen dúbida algunha, desde o BNG defendemos un si rotundo á intervención pública, pero non a calquera intervención pública, porque nin todas son positivas, nin todas buscan o ben común. Sobran os exemplos de intervencións públicas a favor dos intereses dunha minoría, sexan un selecto grupo de privilexiados, sexa unha presa de multinacionais, sexa unha elite social”, explicou Pontón.
En todo caso, ante a disxuntiva formulada no foro de debate entre intervención pública ou liberalismo, “o Bloque está rotundamente a favor da intervención pública, pero en clave galega e a favor dos intereses de Galiza, dos galegos e das galegas”, recalcou, “e esta intervención pública galega que queremos é a que defende o desenvolvemento económico, social e cultural.
A líder do BNG citou exemplos de intervención pública en contra dos intereses da maioría social, como da Goberno do PP en Galiza en sanidade, con trece anos de recortes e privatizacións, “debilitando o sistema público de saúde para beneficiar o negocio privado”. “Onte mesmo vimos como milleiros de persoas se mobilizaban aquí mesmo na Mariña en defensa dunha sanidade pública de calidade, que é o mesmo que defender que todos e todas debemos ter garantido o noso dereito á saúde, con independencia da cifra que figure na nosa conta bancaria”, alegou.
Exemplos de intervención pública en contra do interese xeral, afondou, foi a decisión de privatizar a AP9 e de prorrogar a concesión até 75 anos, “decisión que lle debemos ao PP, sen a cal estaríamos circulando por unha AP9 libre de peaxes”.
É tamén unha intervención pública a que adoptaron sucesivos gobernos do Estado privatizando ENDESA, que agora disporía “dun importante mecanismo ante a especulación da enerxía pero que, ironías, esa enerxética hoxe ten como accionista á empresa pública italiana ENEL, e en 2021 tivo un beneficio de 1.902 M€”.
Por iso, recalcou, o BNG defende a intervención dos poderes públicos si, “pero unha intervención pública, galega a favor do País e da xente, capaz de colocar a riqueza e os recurso de Galiza a favor de Galiza, para crear riqueza e emprego de calidade”.
Neste sentido, defendeu que a política económica e industrial que se impulsa desde a intervención pública neste País debe favorecer o desenvolvemento dos sectores produtivos, a reindustrialización sustentábel e impulsar a creación de emprego aproveitando as fortalezas estratéxicas do tecido produtivo.
Unha intervención pública, argumentou Pontón, que debe servir para recuperar capacidade agraria e impulsar o sector pesqueiro, para lograr un modelo de financiamento que lle permita a Galiza “ter a chave dos seus recursos”; que sirva para
garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna, a servizos públicos de calidade, na sanidade, na educación, na atención ás persoas maiores.
“Si á intervención dos poderes públicos galegos para combater a desigualdade e a exclusión social, cunha estratexia que atenda transversalmente todos os ámbitos relacionados coa calidade de vida: sanidade, educación, emprego, vivenda, coidados das persoas maiores, territorio e servizos”, sintetizou a portavoz do Bloque. Intervención pública, dixo, subliñando o total fracaso do neoliberalismo, que quedou especialmente en evidencia duranta a pandemia.
Fracaso do neoliberalismo
“Deixou constancia da súa absoluta incapacidade para dar resposta aos desafíos que a pandemia trouxo consigo, as nefastas consecuencias de poñer o libre mercado por riba do interese xeral”, alegou. “Vimos as consecuencias de priorizar o lucro privado sobre a saúde pública, de privatizar e precarizar os servizos públicos, do dogma da austeridade, das consecuencias da deslocalización industrial, da falta de soberanía alimentaria ou da falta de control sobre sectores estratéxicos de produción”, explicou.
E cando se empezaba a superar o peor da crise sanitaria, aparece a crise de prezos, unha escalada inflacionista que afecta máis a Galiza, onde os prezos están subindo, mes tras mes, por riba da media estatal, pese a ter salarios máis baixos e as segundas pensións máis baixas do Estado. O último dato mostra un IPC do 5,7% no Estado e dun 6,4% en Galiza.
Crise industrial, ALCOA
“Non é o único indicador que nós sitúa peor”, indicou, o paro descende en Galiza a un ritmo tres veces inferior ao da media estatal e o IPI rexistrou unha subida acumulada do 2,5% no Estado, fronte a unha caída do 1,9% en Galiza. “De crise industrial tamén sabedes moito na Mariña, con ALCOA como máximo exemplo, pero á que se suman o peche continuado de empresas, algunhas emblemáticas na comarca”, destacou.
“Hoxe temos produtos básicos na cesta da compra convertidos en artigos de luxo para moitas familias, como a carne ou o peixe, e alimentos esenciais como ovos, aceite, patacas que subiron entre un 35 e un 40%. Este descontrol de prezos, á alza aínda que menos, aumenta a pobreza, a desigualdade e o risco de exclusión social”.
Neste contexto, Pontón criticou a subida dos tipos de interese, “que beneficia a unha banca que non devolveu o rescate de 90.000 millóns de euros”, e puxo o foco tamén na cuestión enerxética nunha Galiza rica en electricidade.
“Resulta insultante que Galiza, sendo produtora neta de electricidade, non teña unha compensación que rebaixe a factura da luz, como a tarifa eléctrica galega que defende o BNG”, reclamou, como sucede noutros países europeos con tarifas máis baixas para as zonas produtoras como compensación polos custes sociais e ambientais.
Boom eólico depredador
“Pero en Galiza, o bipartidismo veta a tarifa eléctrica galega, e estamos en pleno boom eólico depredador que coloca a riqueza natural do País non ao servizo do País, senón do lobby eléctrico. Unha vez máis, outro exemplo de intervención pública na economía pero que non redunda en beneficio da maioría”, indicou citando o caso de Muras.
“Aquí ao lado temos o concello de Muras con 384 aeroxeneradores, o municipio con máis muíños de toda Galiza. Aí están Iberdrola, Endesa, Naturgy, Norvento cun beneficio anual arredor de 90 M€, pero só unha mínima parte dese obsceno beneficio chega aos propietarios dos montes e ao propio concello. Sabedes cantos muíños ten Madrid, principal consumidora da electricidade que produce Galiza? Cero”, alegou.
Soberanía versus dependencia
Por iso, a día de hoxe, “son máis entendibles socialmente as razóns que xustifican a necesidade de que haxa intervención dos poderes públicos, precisamente para garantir calidade de vida e benestar social, máis unha intervención pública a favor de Galiza e das súas maiorías, sobre a base da soberanía, da cooperación, da solidariedade e da xustiza social”.
“Somos plenamente conscientes das dificultades e dos desafíos do actual momento e sabemos que para saír desta encrucillada é fundamental poñer por diante os intereses da maioría e de Galiza e, nesa dirección, tamén temos claro que precisamos superar a dependencia do centralismo e ter máis poder político, máis capacidade de decisión, máis autogoberno. Porque é o que nos permitirá encarar os desafíos do futuro, avanzar no desenvolvemento económico, e conquistar máis benestar social e máis prosperidade”, concluíu.




















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



