O evento, que se presentou este mércores no Pazo de San Marcos, celebrarase este sábado 28 de xaneiro e participarán 350 persoas chegadas da provincia, doutros puntos de Galicia e de España
Lugo, 25 de xaneiro de 2023. O Trail Terras de Burón celebrarase este sábado, 28 de xaneiro, na Fonsagrada co apoio da Deputación de Lugo. Este mércores foi presentada a primeira edición da cita no Pazo de San Marcos coa participación do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro Caloto, o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e o representante da directiva do Club de Montaña Terras de Burón, Jorge Cancio Fernández.
Esta proba, que xa leva o sobrenome de O Trail do Inverno, consistirá nun conxunto de actividades deportivas ao aire libre organizadas polo Club de Montaña Terras de Burón, recentemente creado. Participarán 350 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia e de España, tendo as prazas esgotadas dende hai días.
Rivera Capón subliñou na presentación que “a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos e, como tal, temos o compromiso de colaborar cos 67 municipios da provincia, sobre todo cos máis pequenos, para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico. Este é o obxectivo que nos motivou a apoiar o Trail da Fonsagrada coa súa promoción e proxección. Nese sentido, quero recoñecer o papel do Alcalde e do seu Goberno por contribuír a que este tipo de eventos se celebren no concello, e por facelo da man do tecido asociativo do municipio. É fundamental o que estades facendo na Fonsagrada para que este sexa un lugar vivo, dinámico e con iniciativas pensadas para todas as idades”, subliñou.
Máis alá do aspecto “puramente deportivo”, indicou o Deputado, “o deporte ten un aspecto multiplicador de alcance transversal”. “ O deporte é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”, afirmou Rivera Capón.
“O Trail Terras do Burón concorda coa estratexia da Deputación para a promoción do territorio porque favorece, ademais do deporte, un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente”, incidiu o Deputado na presentación. Ademais, dixo que se espera que sexa unha proba “dura”, tanto polos itinerarios coma pola propia meteoroloxía.
O Deputado de Deportes, Efrén Castro, felicitou aos organizadores da proba e ao Concello fonsagradino pola iniciativa, ao tempo que sinalou a idoneidade da Montaña lucense, en concreto da Fonsagrada, para este tipo de eventos porque “é un paraíso natural para deportes como o trail ou o ciclismo con sitios que merecen moito a pena visitar”. Engadiu que despois de practicar ese deporte, esta zona permite degustar como premio “a rica gastronomía con produtos locais que están ao nivel do paraíso natural que é”.
Tres modalidades
O Trail Terras de Burón contará cunha andaina de 13 quilómetros con 650 metros de desnivel positivo, e con dúas distancias de carreira de montaña: o Trail das Seimeiras (trail longo) de 27 quilómetros e o Trailiño (trail curto) de 17 quilómetros, con 1450 e 800 metros de desnivel positivo, respectivamente.
O lugar de saída será para todas as distancias a praza do Concello. O Trail das Seimeiras sairá ás 9:30 horas, o Trailiño ás 10:00 horas e a andaina ás 10:05 horas.
Habilitaranse zonas para os avituallamentos, gardarroupas e duchas quentadas para o remate da proba no pavillón municipal. Ademais, habilitarase unha zona para a atención de nenos e nenas de balde, co obxectivo de que os pais e nais poidan desfrutar da proba ao tempo que os pequenos desfrutan de actividades e xogos. A entrega de trofeos está prevista para as 13:30 horas.






















Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O encontro, aberto ao público, terá lugar na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e será moderado por membros da propia asociación. A sesión busca reflexionar colectivamente sobre a posibilidade de que Mondoñedo aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, abordando a cuestión desde perspectivas históricas, patrimoniais, artísticas, naturais e humanísticas. A actividade comezará ás 11:00 h e a organización anima a toda a veciñanza a participar e compartir opinións.
O Comité de Empresa de Alúmina‑Aluminio San Cibrao informa de que a Secretaría de Industria convocou ao comité á 19ª reunión de seguimento do acordo de viabilidade, que se celebrará o venres 15 de maio ás 12:30 horas na Delegación do Goberno en A Coruña. Unha vez rematada a reunión, o comité procederá a informar aos traballadores sobre os resultados e avances do encontro.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.



