A asociación ecoloxista ADEGA emprenderá accións xudiciais contra aqueles proxectos macroeólicos que teñan un maior impacto sobre o patrimonio natural e cultural de Galiza, alén daqueles que conten cunha maior oposición social
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023. Tras a negativa da Xunta e do Estado español a escoitar os milleiros de voces que reclamamos nos últimos dous anos por todas as vías posibles unha transición enerxética xusta e sustentábel e unha planificación eólica por e para o pobo, desde ADEGA non nos queda máis remedio que intentar frear nos tribunais a actual avalancha eólica depredadora e especulativa cos recursos de todos os galegos e galegas. Para poder acadar tal fin, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) recupera a campaña de recadación colectiva e solidaria “Ti podes paralos!”, como única forma posíbel de poder emprender accións xudiciais contra boa parte dos 75 proxectos macroeólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado 25 de abril, e que exercerán potencialmente danos ambientais, culturais e sociais irreversíbeis para o país.
A campaña “Ti podes paralos!” rexorde sete meses despois de ter conquirido un éxito sen precedentes, ao acadar en tan só unha semana o importe necesario para poder afrontar as caucións impostas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e así dar efectividade á paralización cautelar dos proxectos eólicos Bustelo e Campelo. Agora, ADEGA recupera esta campaña coa esperanza de que a solidariedade colectiva volva contribuír a un reto histórico para o país: defender o rural e o medio ambiente galegos da actual depredación eólica nos tribunais, emprendendo accións xurídicas contra a maior parte dos proxectos macroeólicos depredadores autorizados pola Xunta e o Estado español na recente vaga eólica.
Acorde coa súa misión e valores, ADEGA dará prioridade a aquelas accións xurídicas fronte a proxectos eólicos autorizados que teñan un especial impacto negativo sobre o patrimonio natural e cultural de Galiza, mais tamén promoverá campañas de recadación na defensa do territorio que conten cun forte apoio social e que consigan dar viabilidade económica aos procedementos xudiciais en vía contenciosa-administrativa.
O primeiro desafío: levar o P.E. Rodicio II ante a Xustiza!
ADEGA inicia a nova xeira de “Ti podes paralos!” co lanzamento dunha campaña de recadación solidaria específica para poder recorrer nos tribunais o proxecto eólico Rodicio II, aprobado nos concellos ourensáns de Maceda e Montederramo, e cuxa autorización foi publicada no DOG o pasado día 8 de maio. O proxecto aprobado prevé a instalación de 2 aeroxeradores de 180 metros de altura e de máis de 10 MW de potencia a escasa distancia do espazo natural protexido e zona de Rede Natural ZEC Bidueiral de Montederramo. Os impactos deste complexo eólico sobre a avifauna, especialmente nas poboacións de rapinas ameazadas, poderían ser letais, pois sitúase moi preto dunha área prioritaria para a preservación da avifauna e é área de campeo da aguia real (Aquila chrysaetos) e do millafre real (Milvus milvus), ambas consideradas “en perigo de extinción” nos catálogos galego e español de especies ameazadas. Ademais, o Rodicio é un dos principais “sitios de interese” ou “hotspot” para a observación de aves de Galiza.
O primeiro reto desta campaña ou desafío específico é o de acadar un importe mínimo de 3.650 euros no período de 1 mes, ata o 16 de xuño, para a presentación do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental. De conseguir este reto no prazo establecido, ADEGA iniciará un novo prazo de recadación pola mesma cantidade destinada a conquerir os fodos necesarios para interpoñer recurso contencioso-administrativo no TSXG e solicitar a paralización cautelar do proxecto.
Web de doazóns para o desafío TPP – Rodicio II: https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii
Como vai funcionar a campaña #TiPodesParalos?
As doazóns recadadas a través da campaña #tipodesparalos irán destinadas a cubrir os custos totais derivados da presentación do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a autorización administrativa previa e de construción dos proxectos eólicos presentes na campaña, así como á solicitude de paralización cautelar.
ADEGA ofrece dúas formas de facer as doazóns: por desafíos, apoiando economicamente o recurso dun ou varios proxectos eólicos concretos; ou a un fondo común da campaña, destinado a apoiar os recursos de parques eólicos que máis o precisen ou que máis contribúan a defender o interese común e o medio ambiente galego.
En todos os casos, a recadación será progresiva e fixada en diferentes retos correspondentes coas distintas fases da acción xurídica. Esta fórmula ofrece unha maior transparencia sobre a evolución da campaña e maiores garantías fronte aos riscos asociados.
Chamamento público á solidariedade do pobo galego
ADEGA fai de novo un especial chamamento á cidadanía galega a participar e espallar activamente esta campaña, chave para facer fronte á actual avalancha eólica. Todas as doazóns recibidas a través desta campaña desgravarán en Facenda e serán integramente destinadas aos obxectivos de “Ti podes paralos!”. Deste xeito, no caso de que non se acade o obxectivo mínimo de recadación para poder iniciar o procedemento xudicial contra a autorización dun proxecto eólico concreto, as doazóns pasarán a formar parte do fondo común da campaña, ou fondo de reforzo destinado a apoiar aqueles desafíos que estean a piques de conseguirse no prazo límite de vencemento da campaña ou a aqueles recursos contra proxectos eólicos que contribúan en maior grao a defender o interese común e o medio ambiente galego. Entre todas, podemos conseguilo! Na web da campaña “Ti podes paralos!” iranse actualizando os diversos desafíos de recadación solidaria que emprenderá ADEGA nas vindeiras semanas contra a actual ofensiva eólica: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio




















A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



