Esta estratexia define as actuacións da Consellería do Mar nas dársenas galegas en materia de infraestruturas e dotacións para a o traballo vinculado coa actividade extractiva e a primeira venda de peixes e mariscos
Compostela, 6 de outubro, 2023. A Consellería do Mar presentou hoxe ao Consello da Xunta o Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030, onde se recolle a estratexia para o que resta de década en materia de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. O documento reflicte que o conxunto das actuacións a realizar tanto polo sector como pola Xunta contará a partir do próximo ano con máis de 34,7 millóns de euros en recursos, onde o 70% virán da man do novo Fondo europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e o resto (dez millóns de euros) serán fondos propios da Consellería.
A cantidade destinada a este tipo de dotacións é case un 63% superior ao apoio mobilizado para estas actuacións entre 2016 e 2023. Durante este tempo, marcado polo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que agora finaliza o seu percorrido, mobilizáronse máis de 21,3 millóns de euros en preto de 470 actuacións.
O novo plan, con horizonte 2030, é froito dun intenso traballo que recolle as aportacións dos actores do propio sector pesqueiro a través dunha consulta pública que permitiu avaliar a situación actual das instalacións e as súas necesidades. A estas contribucións de confrarías, asociacións sectoriais e organizacións de produtores súmase o coñecemento dos técnicos da Consellería do Mar e do ente público Portos de Galicia. Ademais, contouse co centro tecnolóxico EnergyLab para a elaboración dun plan de descarbonización e neutralidade climática dos portos galegos, atendendo ás diferentes tipoloxías e casuísticas identificadas no sistema portuario autonómico.
A planificación dos investimentos en equipamentos contempla intervencións precisas no ámbito pesqueiro para dotar ou optimizar as instalacións que prestan servizos ás persoas como usuarios do porto, aos buques como elemento necesario para a actividade pesqueira e á propia pesca, co fin de mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros desembarcados, facilitar o cumprimento da obriga de desembarque e o aproveitamento total de todas as capturas.
Outras liñas estratéxicas pasan polo aumento da eficiencia enerxética ademais de contribuír á protección do medio ambiente. A mellora da seguridade e as condicións de traballo acompañarase por unha aposta decidida pola xestión intelixente e dixitalizada dos portos. Tamén se busca preparar as infraestruturas para afrontar posibles eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático.
Dentro dun sistema portuario composto por 128 portos que se distribúen ao longo do seu litoral, 122 deles xestionados de forma directa pola Xunta a través do ente público Portos de Galicia, o documento establece unha tipoloxía de clasificación de 63 portos pesqueiros que emprega variables como o importe de vendas e a poboación pesqueira asociada á confraría do territorio, así como o volume de descargas no caso dos pósitos con maiores niveis de actividade. Os catro tipos de dársenas -que van das máis activas ás que menos-, xunto coa súa especialización produtiva en peixes ou mariscos, permite orientar as necesidades de investimento en cada un dos peiraos e as súas lonxas.
Este plan segue os criterios que marca o novo fondo Fempa e con el da forma á estratexia de mellora constante destas instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector e a súa rendibilidade de forma sostible nos eidos económico, social e medioambiental.
Investimentos necesarios e adaptados
O punto de partida do plan marcarao a convocatoria de axudas de 2024 para estas actuacións que nas próximas semanas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Dela poderán beneficiarse confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. No marco desta estratexia, a este tipo de accións do sector poderán sumarse iniciativas realizadas por execución propia desde a Administración autonómica.
Son obxecto destes apoios as actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras. Ademais serán subvencionables as iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.
Utilizando o plan como base, a Consellería do Mar pretende que tanto as actuacións propias como as convocatorias destas axudas para equipamentos pesqueiros continúen adaptándose ás necesidades do sector, introducindo as novas posibilidades que xurdan polo desenvolvemento tecnolóxico e que respondan tamén as demandas marcadas en áreas como a descarbonización e a neutralidade climática.
No histórico de proxectos destacan, pola súa relevancia e envergadura, actuacións como a modernización da fábrica de xeo da Confraría de Cambados, cun investimento de 600.700 euros que mellorou o rendemento da instalación e a súa eficiencia enerxética. Tamén as obras na lonxa de Testal-Noia, ás que se dedicaron preto de 584.000 euros e que melloraron as condicións de traballo das persoas mariscadoras, e a modernización das instalacións de frío da lonxa de Cedeira cun investimento de 507.700 euros, entre outras accións.



















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



